Novas

Comezan as obras de restauración da contorna do Paseo do Rato

Todos os camiños do Paseo do Río Rato próximos ao río que sufriron graves danos causados pola borrasca Olivier no pasado mes de abril serán restaurados e para elo a Deputación de Lugo deberá empregar 1.429 m3 de xabre e 205m3 de cachote para restaurar a súa estabilidade estrutural. Reporanse ademais cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada e un banco de madeira.

Concretamente, a riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que deberán ser repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. E empregaranse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 m2 do paseo e 66 metros de escollera que permitan renaturalizar o paseo.

No que ten que ver coas pasarelas melloraranse:

Pasarela das Casetas de madeira. Trátase dunha ponte de 7 metros de longo por 2 de ancho que está situada á altura das casetas empregadas pola Deputación de Lugo para o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial. Terá que substituírse a súa varanda de seguridade, que foi afectada na súa totalidade.

Pasarela de Cruce dos camiños. Mide 7 metros de lonxitude e 1,5 de ancho. Está situada nun cruce de camiños do Paseo e deberá ser renovada na súa totalidade.

Pasarela de acceso ao Centro de Permacultura. Contaba con 6 metros de longo por 1,5 de ancho e debe substituírse a estrutura e a varanda.

Pasarela Cascada. Trátase dunha pasarela situada próxima á cascada do Rato. Foi danada na súa estrutura de xeito total e desprazada pola riada varios metros máis abaixo. Deberá ser substituída mediante unha estrutura similar de 5 metros de longo e 1,5 metros de ancho coa súa varanda de seguridade.

Pasarela situada antes da Cascada. Trátase dunha pasarela de madeira de 5,7 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho que foi arrincada dos seus apoios pola riada e que quedou varada río abaixo. Deberá ser substituída na súa totalidade, tanto a estrutura como a varanda.

Senda pivotada Tolda de Castela. Na zona que conduce desde o Paseo do Rato ata a Tolda de Castela, produciuse o deterioro e varios danos estruturais sobre a plataforma de madeira pivotada. Víronse afectados 14 m2 que deberán ser substituídos.

O Concello adapta os horarios do persoal para evitar problemas de saúde relacionados coa calor

O Concello de Lugo anunciou á entrada do pleno de xuño unha serie de medidas que se poñerán en marcha de xeito inmediato par “evitar problemas de saúde no persoal municipal derivados das altas temperaturas, unha problemática cada vez máis presente durante os meses de verán”

Rubén Arroxo anunciou que o Cemiterio Municipal non realizará enterramentos entre as 13:00 e as 17:00 horas, coincidindo coas horas de maior calor, co fin de minimizar a exposición do persoal municipal e das persoas usuarias aos riscos asociados ás altas temperaturas. Por outra banda, a Brigada Municipal de Vías e Obras tamén adaptará o seu horario de traballo e a localización das súas intervencións, priorizando sempre o benestar e a seguridade do persoal público.

Na rede de Escolas Infantís Municipais, o Tenente Alcalde anunciou a instalación de vinilos anticalor, que evitan a entrada dos raios solares para conseguir que no interior non se acumule calor.

 

A Xunta activa o nivel de alerta 2 por altas temperaturas na montaña e sur de Lugo

A Xunta de Galicia activou o nivel de alerta 2 por altas temperaturas na zona centro, na montaña e no sur de Lugo.

Esta vaga de calor que afecta a toda a comunidade e que se prevé que dure polo menos ata o próximo martes 1 de xullo provoca unha sensación de calor intensa, xa que os termómetros alcanzaron este domingo os 39 ºC no sur de Lugo o que se corresponde co nivel laranxa e 36 ºC  no centro e na montaña de Lugo onde permanece activo o nivel amarelo.

Debido a estas altas temperaturas que se agardan nas vindeiras horas, dende o 112 recomendan a importancia de seguir estas indicacións:

Beber auga e/ou bebidas con electrólitos con frecuencia.

Evitar as horas centrais do día.

Elixir comidas lixeiras.

Reducir a actividade física.

Asegurase de que os alimentos que se inxeren esten en bo estado.

Os cines Codex estrean o filme francés “Juliette en primavera”

Esta semana os Codex Cinema estrean a película “JULIETTE EN PRIMAVERA”, filme francés dirixido por Blandine Lenoir, cun excelente reparto, nunha historia grata e delicada, unha comedia tenra e dolorosa como a vida mesma.

Sinopse:  Juliette, unha moza ilustradora de libros infantís, deixa a cidade para reunirse durante uns días coa súa familia: o seu pai, tan modesto que só pode expresarse entre bromas, a súa nai, pintora que goza da vida ao máximo; a súa querida avoa, que comeza a perder o control, e a súa irmá, unha nai abrumada pola vida rutineira. Tamén se cruza no seu camiño Pollux, un home encantador. Neste feliz caos, as lembranzas e  os secretos sairán á luz.

Os socialistas de Muras esixen medidas ante a acampada irregular e transparencia na xestión municipal

O PSdeG de Muras reclamou no último pleno municipal que se adopten medidas urxentes para evitar a acampada irregular na área recreativa durante as festas patronais. Segundo denuncian, “esta situación repítese por terceiro ano consecutivo sen que o goberno local tome medidas nin propoña alternativas”, a pesar das advertencias do grupo socialista.

Unha das cuestións centrais do pleno abordou a situación da área recreativa durante as festas patronais que se celebran esta fin de semana. A voceira do PSdeG Jennifer Gómez, denunciou que comerciantes ambulantes están a utilizar este espazo municipal para instalar as súas caravanas, vertendo residuos no campo de fútbol e accedendo ao recinto da piscina saltando o peche. “Levamos dous anos advertindo da necesidade de regular esta situación, e este vai ser o terceiro. O Alcalde coñece perfectamente os feitos, pero non toma medidas”, explicou Gómez. Segundo indicou o propio Alcalde, estas persoas contan coa súa autorización para ocupar o espazo, sen que exista unha normativa clara nin medidas de control.

Outro dos asuntos tratados foi o destino dos 21.000€ concedidos pola Deputación de Lugo para actividades destinadas á mocidade. O PSdeG considera necesario coñecer como se empregará o orzamento restante unha vez cuberto o campamento de verán, cun custo estimado de 6.000€. “Solicitamos a memoria de actividades ou algún tipo de planificación, pero seguimos sen ter acceso a esa información, a pesar de pedila en reiteradas ocasións”, sinalou Gómez.

Finalmente, o grupo socialista puxo o foco na necesidade de revisar e mellorar as bases das axudas ao estudantado, como xa se fixo coas destinadas ao gasto eléctrico. “Non entendemos por que unhas partidas poden incrementarse e outras non, cando hai familias que quedaron fóra das convocatorias de 2023 por motivos discutibles”, afirmou Jennifer Gómez, quen tamén lamentou que “non se teñan en conta as necesidades de estudantes que residen en Muras pero estudan fóra por conciliación ou outras razóns persoais”.

O PSdeG de Muras denuncia que esta actitude é unha constante por parte do alcalde. “Vaise pola tanxente, sen dar respostas claras nin achegar a documentación solicitada. Seguimos á espera de que nos faciliten a información, porque temos dereito a exercer a nosa función de control como oposición”, concluíu a voceira.

O PP esixe data de apertura da residencia de Becerreá

O Grupo Provincial Popular esixe unha data para a apertura da residencia de Becerreá e, polo tanto, pide explicacións ao goberno provincial de PSOE e BNG que preside José Tomé sobre o que pensa facer á vista de que “non logrou aprobar a memoria sobre o seu modelo de xestión e
funcionamento pola falta de apoio dos membros do seu propio grupo político dentro do goberno provincial”.

Ante esta situación, os populares convídano a “recapacitar” e ofrecen a súa colaboración “sempre que o goberno de PSOE e BNG garanta a igualdade de prezo e servizo neste centro que noutros da rede provincial e atenda as demandas dos veciños de Becerreá e a comarca que presentaron 480 alegacións”;

O portavoz engade tamén que “levamos anos esixindo a apertura deste centro, que leva tres anos e medio rematado e sen prestar servizo aos veciños de Becerreá e a comarca”; polo que “tendemos a man para chegar a acordos sempre que se garanta un trato xusto e igualitario aos veciños de Becerreá”. Ameijide insiste en demandar ao goberno provincial que “non xere desigualdades ou desequilibrios” e que “non diferencie entre veciños de primeira e veciños de segunda”.

Os populares piden tamén que “o goberno de PSOE e BNG poña en marcha ao mesmo tempo o centro de día previsto nas mesmas instalacións (40 prazas), un servizo que permanece pechado en todos os centros da rede provincial (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro)”.

A Xunta acolle unha exposición sobre o cartel en homenaxe a Chaplin que anunciará a semana de cine de Lugo

A Xunta de Galicia acolle na Biblioteca Provincial unha exposición sobre o cartel anunciador da Semana de Cine de Lugo 2025, que rende homenaxe á película “La quimera del oro”, de Charles Chaplin. O grupo cinematográfico Fonmiñá presentou hoxe a obra, do artista Primitivo Marcos, cando se cumpre o centenario da estrea da mítica cinta.

A presentación contou coa participación, entre outros, do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, Xulio Xiz, e o propio autor, que explicou o proceso creativo do cartel definitivo e dos quince deseños previos expostos na Biblioteca.

A mostra permanecerá no centro ata principios do mes de xullo e retomarase durante a Semana de Cine, que se celebrará do 22 ao 27 de setembro e coa que colabora a Xunta de Galicia.

 

Ferida unha muller logo de sufrir unha saída de vía co seu coche en Sober

O 112 Galicia tivo constancia deste suceso contra as 10:15 horas, a través da chamada dun particular: un coche acababa de colidir contra un poste no lugar de Arxemil, pertencente á parroquia de San Martiño de Anllo. A condutora permanecía no interior do vehículo, consciente pero incapaz de saír.

Deste xeito, os Bombeiros de Monforte procederon co corte e a retirada do poste para abrir a porta e axudar a saír á muller, que foi trasladada ao hospital.

No operativo tamén participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Garda Civil de Tráfico.

O programa +XTi leva ás prazas da cidade actividades gratuítas de estilos urbanos todos os mércores de xullo

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha unha nova actividade dentro do programa +XTi que levará deporte, música e ocio alternativo ás prazas da cidade todos os mércores de xullo. A iniciativa, denominada Estilos Urbanos +XTi, aposta por formatos innovadores e creativos que conectan coa mocidade e transforman o espazo público en punto de encontro e expresión.

A actividade achegará disciplinas menos habituais no tempo libre xuvenil como o spickeball, o tchouckball, o slackline, o breakdance, o hip hop ou os obradoiros de rap, combinadas con xogos, animación e música en directo. Cada sesión celebrarase en horario de 16:30 a 20:30 horas, o 2 de xullo na Praza Agro do Rolo, o 9 de xullo en Augas Férreas, o 16 de xullo na Praza do Castiñeiro e o 23 de xullo na Praza de Roi Xordo (Praza Roxa).

As actividades están pensadas para facilitar a participación espontánea, sen inscrición previa, e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos. A asistencia é libre por orde de chegada, fomentando así un ambiente distendido e accesible.

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 982 297 498 ou consultar a web www.lugomasxti.org.

Miguel Fernández, novo Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Lugo

O PSdeG-PSOE de Lugo renovou este mércores a súa Comisión Executiva Municipal, nun proceso que culmina coa elección de Miguel Fernández Méndez como novo Secretario Xeral.

A nova executiva socialista queda conformada polos seguintes cargos:

Presidenta: Mª Jesús Navarro Otero

Secretaría Xeral: Miguel Fernández Méndez

Vicesecretaría Xeral e Portavocía: Olimpia López Rodríguez

Vicesecretaría Xeral Adxunta: Alejandro Trashorras Murado

Secretaría de Organización e Acción Electoral: Miguel A. Crende López

Secretaría de Estudos e Programas: Tania González López

Secretaría de Planificación Estratéxica Local: Jesús Castro Vázquez

Secretaría de Muller: Inés Fernández Lamela

Secretaría de Educación, Universidade e F.P.: Mª Carmen Méndez Mazoy

Secretaría de Redes Sociais e Comunicación: Hugo Ucha Boán

Secretaría Benestar e Políticas Sociais: Mª Pilar Roca Núñez

Secretaría de Política Municipal: Manuel Núñez López

Secretaría de Participación Xuvenil: Mª Ángeles Novo Martínez

Secretaría de protección á Comunidade: José Manuel González Pardo

Secretaría de Relacións Laborais e Emprego: Alejandra Sánchez Taboada

Secretaría de Administración e Formación: Alfonso Orol Castro

Secretaría de Vivenda e retos habitacionais: Mª Dolores Cedrón Rey

Secretaría de Innovación e Transición Ecolóxica: José Ramón González Piñeiro

Secretaría de Novas Tecnoloxías: Miguel Caloto Conde

Secretaría de Igualdade: Tania López López

Secretaría Dinamización Cultural: Elvira Pérez López

Secretaría de Dinamización económica: Fº Javier Rodríguez Carrasco

Secretaría de Movementos Asociativos: Mª Carmen Ozores Vigide

Secretaría de Cohesión Territorial Medio Rural: Gerardo Fouce Pérez

Secretaría de Igualdade: Eugenia Iglesias Vargas

Secretaría de Persoas Maiores, Pensionistas e Xubiladas: Santos Gabriel Arenas Ruíz

Foron elixidos como Delegados da agrupación ao Comité Nacional: Miguel Ángel Crende López, Ana Mª Hortas Alonso, Ángel Viro Porto, Olimpia Rodríguez López, Manuel Núñez López e Tania González López.

Ademais, foron nomeados como Delegados da agrupación ao Comité Provincial: Mª Pilar Roca Núñez, Francisco Javier Rodríguez Carrasco, Marta Herbón Meilán, Santos Gabriel Arenas Ruíz, Belén Mª Encabo González, Dolores Cedrón Rey, Yago Atadell Martínez, Irene Bouzas Martull e Montserrat Rodríguez Souto.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com