Números

Non sei os nomes dos nenos de Negueira de Muñiz, pero nas súas casas non só os coñecen senón que lles queren, e seus pais estaban moi contentos de ter un colexio no que estudiar sen desarraigo. Negueira é un dos lugares máis arredados da provincia de Lugo, e se hai anos perdeu o colexio, recuperouno en 2019 ao conseguir matricular cinco alumnos, pero pérdeo de novo porque para o curso que comeza en setembro só tería matriculados tres.

Negueira de Muñiz, segregado de Meira en tempos nos que o campo tiña máis vida, só ten tres nenos. E como o criterio para ter un colexio non se basea nos “fumes” que hai (que as casas xa non botan fume coma antes), nin nos supervivintes á emigración interior, nin na ánsia de manter viva a zona, queda sen colexio. Nesta Galicia que se baleirou a forza de condenar ás xentes a emigrar para poder vivir, na que unha escola é sinal de progreso e futuro, cinco nenos son moitos. Os nenos de Negueira poderán ir a Ibias, en Asturias, ou á Fonsagrada e estarán moi ben atendidos, recibirán a formación axeitada, pero de paso tamén aprenderán que para conseguir algo hai que irse de Negueira.

Normalmente, cando escribo teño clara a situación, as causas e a posible solución. Neste caso, non. Porque é unha cuestión cuantitativa; non se trata de querer ou non querer a escola; non se trata de vontade política ou popular; non se trata de nomes senón de números. Temos nenos números un, dous e tres: faltannos os nenos catro e cinco. A solución legal é borrar eses tres números en Negueira e sumalos noutro lado. Así Deus me leve que o entendo; pero non me cabe na cabeza. Será que eu son máis de letras – nomes – que de números.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com