Logo da nova que se producía onte, onde a Xunta informaba que a finalización da autovía Nadela-Sarria estaría rematada ao longo de 2028, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, expresou hoxe a “súa fonda preocupación polo novo atraso na execución da autovía, unha infraestrutura que cualificou de fundamental para o desenvolvemento económico e social da cidade e da súa área de influencia”.
“Segundo as últimas previsións coñecidas, a autovía non estará rematada, como mínimo, ata o ano 2028, cando o compromiso expresado polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situaba a finalización no ano 2026”. Subliñou o alcalde. Fernández lembrou que, “mesmo cumpríndose ese prazo, a execución xa chegaría tarde, porque a conversión completa deste corredor en autovía leva máis dunha década de atraso acumulado, e é unha mostra evidente da falta de vontade política da Xunta coa provincia de Lugo”.
“Falamos dunha vía estratéxica para a mobilidade, para a competitividade económica e para a cohesión territorial. Non é só unha autovía: é unha ferramenta clave para o desenvolvemento da nosa cidade e para garantir a igualdade de oportunidades dos lucenses”, sinalou o rexedor.
“Para atopar outro quilómetro de vía desdobrada posto a disposición da veciñanza da provincia hai que remontarse ao ano 2010, cando entrou en funcionamento o tramo entre Cabreiros e Vilalba, que conecta coa A-8, e cuxa licitación e execución deixou lista un goberno socialista. Iso demostra quen cre realmente nas infraestruturas desta provincia”, engadiu Fernández.
O rexedor lucense insistiu en que este novo atraso supón un agravio comparativo para Lugo respecto doutras zonas de Galicia, tanto polo seu impacto económico como pola súa incidencia na mobilidade. A nosa cidadanía e o noso tecido produtivo levan demasiado tempo soportando as consecuencias deste esquecemento, e non é xusto que Lugo siga sendo a provincia á que sempre lle toca esperar mái “, afirmou.
“Lugo merece respecto, merece investimento e merece feitos, non anuncios que se van pospoñendo ano tras ano. A autovía Nadela–Sarria non pode seguir agardando. É o momento de actuar con responsabilidade, de cumprir os compromisos e de deixar de penalizar a esta provincia coa falta de dilixencia e planificación”, concluíu Miguel Fernández.