O deputado do BNG no Congreso,reclamou ao Goberno do Estado actuacións urxentes na estrada N-540 polos graves danos ocasionados polas sucesivas borrascas e temporais de choiva que afectan a Galiza desde novembro. O deputado no Congreso Néstor Rego advertiu do deterioro acelerado desta vía, especialmente na provincia de Lugo, onde o estado do firme obrigou a limitar a velocidade a 40 km/h en varios treitos e xerou unha situación que cualifica de preocupante para a seguranza viaria.
Segundo explica a formación nacionalista, a acumulación de auga e a erosión agravaron as deficiencias previas da estrada, ampliando fochancas, provocando novas fendas e empeorando de maneira xeral as condicións de circulación. Rego subliña que a N-540 é unha infraestrutura esencial, xa que constitúe a única conexión directa entre Ourense e Lugo mentres non se complete a autovía A-56, polo que considera “inaceptábel” o abandono que, ao seu xuízo, sofre esta vía estatal.
O deputado lembra que o BNG leva tempo demandando un plan integral de rexeneración e mellora que dea unha solución definitiva aos numerosos tramos deteriorados, con especial preocupación polo tramo entre Chantada e Lugo e por distintos puntos da provincia de Ourense. Asegura ademais que o mal estado do firme non só dificulta a mobilidade diaria, senón que tamén está a provocar un incremento dos accidentes desde 2024 e danos frecuentes nos vehículos, co consecuente prexuízo económico para as persoas usuarias.
Neste contexto, a organización nacionalista insta o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel a realizar de inmediato unha inspección técnica completa da estrada para avaliar o alcance real dos danos provocados polos temporais e identificar os puntos que precisan intervención prioritaria. Tamén solicita que se confirme oficialmente o empeoramento do firme nos treitos que xa presentaban un alto nivel de deterioro antes dos últimos episodios meteorolóxicos.
O BNG reclama igualmente reparacións de emerxencia nas zonas máis afectadas e a activación sen máis demoras de actuacións de rehabilitación e reforma estrutural. “Non abonda con limitar a velocidade; cómpre actuar con responsabilidade e garantir condicións de seguranza axeitadas”, advertiu Rego.
Por último, a formación pide información detallada sobre o estado actual das obras de rehabilitación estrutural entre os puntos quilométricos 0 e 68,9 na provincia de Lugo, iniciadas en 2024 e cuxos prazos foron ampliados o pasado ano. O deputado critica que, malia o compromiso do Ministerio de reducir os tempos de execución, a situación da estrada continúa empeorando, polo que considera imprescindíbel concretar calendarios e asegurar o cumprimento efectivo dos compromisos adquiridos.






