A Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo abrirá o vindeiro luns, 9 de marzo, o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais de cara ao próximo curso. As familias poderán presentar as solicitudes ata o 9 de abril.
Dende a área municipal de Educación xa está preparado todo o proceso administrativo para iniciar o procedemento de admisión de alumnado de cara ao vindeiro curso. Ademais, as escolas organizarán unha xornada de portas abertas o luns 16 de marzo, entre as 17.00 e as 19.00 horas, co obxectivo de que as familias interesadas poidan coñecer de primeira man as instalacións e o funcionamento dos centros da rede municipal.
As solicitudes poderán presentarse ata o 9 de abril a través da sede electrónica ou de maneira presencial no rexistro do Concello de Lugo. A información completa do procedemento está dispoñible no taboleiro de anuncios municipal, nas propias escolas infantís e nas oficinas da Concellería de Educación.
Entre os requisitos establecidos para solicitar praza atópase que tanto a persoa solicitante como o menor estean empadroados no municipio. Ademais, os nenos e nenas deberán ter unha idade comprendida entre os tres meses —na data de ingreso— e os tres anos, que é a idade máxima fixada a 31 de decembro deste ano. A atención educativa nas escolas infantís municipais é gratuíta.
A rede municipal de escolas infantís ofrece un servizo integral de carácter social e educativo orientado ao desenvolvemento das primeiras etapas da infancia. O proxecto educativo aborda aspectos como a aprendizaxe inicial, a motricidade, o control corporal, as primeiras formas de comunicación e linguaxe, así como as pautas básicas de convivencia e relación social, fomentando tamén a colaboración entre a escola, as familias e o entorno.
No plano asistencial, os centros tamén proporcionan coidados básicos ás crianzas, incluíndo hixiene, alimentación, cambio de roupa e atención á saúde.
A rede municipal conta con catro centros: a EIM María Wonenburger, situada na Piringalla; a EIM Luís Soto Menor, en San Fiz; a EIM Gregorio Sanz, no barrio das Fontiñas; e a EIM Serra de Outes, no Castiñeiro.
As familias interesadas poden consultar o formulario de solicitude, o baremo de admisión e a documentación necesaria na páxina web municipal.






