O Concello abre o prazo de solicitudes para as fogueiras de San Xoán

O Concello de Lugo abriu esta fin de semana o prazo de presentación de solicitudes para organizar as tradicionais fogueiras de San Xoán, polo que os colectivos e particulares interesados poderán presentar a instancia correspondente ata as 13.00 horas do vindeiro día 23, nas dependencias da Policía Local.

No bando emitido polo alcalde de Lugo establécense as normas que deben rexer as fogueiras de San Xoán, que nos últimos anos gañaron en popularidade e participación como o proban as 387 solicitudes rexistradas no ano 2023, e as preto de 400 presentadas o pasado ano. Entre as normas incluídas no citado bando, queda prohibido queimar rodas e cubertas de goma, plásticos ou calquera derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes, fedorentos ou tóxicos, ao igual que se establece a prohibición do lanzamento de foguetes.

Ademais, o bando determina que as fogueiras non poderán facerse en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou xardíns nin naqueles nos que poidan crearse situacións de perigo, así coma no centro histórico.

O edicto tamén recolle que os responsables e os organizadores de cada fogueira deberán retirar do lugar de celebración tódolos restos que queden unha vez rematada a queima. Por último, o edicto tamén recolle que, no caso de incumprimento dalgún dos termos recollidos no bando ou de queixas fundamentadas da veciñanza, o Servizo de Extinción de Incendios, a requirimento da Policía Local, procederá a apagar o lume de inmediato.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com