O Concello de Lugo decidiu adiantar dous dos actos da programación coa que se está a celebrar a declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade, hai 25 anos. Trátase do espectáculo de drons e do acto protagonizado polas asociacións de recreación histórica romanas e galaicas, que finalmente terán lugar na tarde de mañá, ante as previsións de fortes choivas para o sábado, a xornada escollida inicialmente para a súa celebración.
O espectáculo de 150 drons sincronizados ao ritmo dunha composición do músico e instrumentista, Abraham Cupeiro, creada expresamente para este evento, adiantase a mañá venres, a partir das 19.30 horas e será visible desde o miradoiro do Parque de Rosalía. Unha hora máis tarde, terá lugar outro dos actos da programación, que tamén adiántase ao venres, pola mala climatoloxía prevista para o sábado. Trátase do encontro de asociacións romanas e galaicas, que na contorna da Mosqueira realizarán un acendido de lume e unha ofrenda á Muralla. Previamente, ás 20.00 horas concentraranse na praza de Santa María, para de alí partir cara a porta da Estación e á porta de San Pedro, e finalmente unirse fronte á Mosqueira, a partir das 20.30 horas.




