O Concello aprobará o convenio que permitirá que a Escola Infantil Fingoi II sexa dotada dun comedor

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobará este mércores o convenio que permitirá a instalación temporal dunha caseta de obra en terreo municipal para funcionar como comedor escolar na Escola Infantil Fingoi II, co obxectivo de dar resposta ás necesidades urxentes das familias mentres non se executa a ampliación comprometida pola Xunta de Galicia.

Esta actuación enmárcase nun proceso impulsado polo Goberno local, que logrou coa súa presión que a Consellería de Educación se comprometese a iniciar as obras de ampliación do centro nun prazo inferior a dous anos, co fin de que o alumnado poida contar cun comedor permanente, estable e adaptado aos estándares de calidade educativa.

O concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, explicou que a aprobación do convenio está condicionada ao pagamento das taxas correspondentes á licenza de obra para a instalación da estrutura móbil, tal e como é preceptivo e obriga a normativa vixente ao promotor da actuación.

Ademais, será necesario formalizar unha adenda ao convenio existente entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o Concello de Lugo, para que este novo servizo de comedor quede integrado oficialmente na rede de centros con servizo de comedor escolar, o que permitirá recoller correctamente as obrigas económicas e de mantemento derivadas.

Fotografía: Consellería de Educación. Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com