O Concello de Lugo levará este mércores á Xunta de Goberno Local a aprobación definitiva do expediente de expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón, un trámite clave para poñer o solo a disposición da Consellería de Sanidade e permitir o avance da construción do novo centro de saúde do barrio.
A decisión busca desbloquear un proxecto que leva anos pendente pola falta dunha localización adecuada e garantir a dispoñibilidade dun espazo que cumpre cos requisitos urbanísticos necesarios para albergar unha dotación sanitaria destas características.
Segundo explicou o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, “o Goberno local culmina así un proceso complexo desde o punto de vista técnico e xurídico, co obxectivo de cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza”. Fernández subliñou que “a prioridade municipal é evitar máis demoras nun equipamento que cualificou de esencial para o barrio”.
O expediente fixa un xusto prezo total de 726.710,87 euros, incluído o premio de afección, para unha parcela de máis de 5.600 metros cadrados de solo e preto de 4.400 metros cadrados construídos. O Plan Xeral cualifica o ámbito como equipamento público e trátase da única parcela da zona que reúne as condicións necesarias para este uso.
A expropiación tramitouse mediante o procedemento de taxación conxunta. O expediente foi aprobado inicialmente en outubro de 2025, sometido a información pública e obxecto de alegacións por parte da propiedade, que foron avaliadas polos servizos técnicos municipais antes da proposta de aprobación definitiva.
Desde o Goberno local sinalan que, unha vez completado este trámite, non debería existir ningún impedimento para que a Consellería de Sanidade avance na execución do novo centro de saúde, reafirmando así a vontade de colaboración institucional para facer realidade esta infraestrutura.






