O Concello de Lugo quere trasladar o seu profundo pesar polo falecemento do concelleiro Pablo Permuy Villanueva, ocorrido nas últimas horas.
Toda a Corporación municipal e o equipo de Goberno lamentan esta perda irreparable e acompañan á súa familia, amizades e compañeiros e compañeiras nun momento de enorme dor para a cidade.
Desde a súa incorporación á Corporación en 2023, Pablo asumiu con entrega e responsabilidade algunhas das áreas de maior peso do Goberno local, como Economía, Persoal, Contratación e Patrimonio. A súa traxectoria profesional, ligada á xestión económica no Sergas, e a súa ampla experiencia no mundo do deporte, especialmente no balonmán, avalaron sempre a súa seriedade, temperanza e capacidade de diálogo.
No seu labor público destacou pola súa proximidade e pola firme vontade de construír consensos, valores que lle permitiron gañarse o respecto e o aprecio tanto no ámbito político como no persoal. O seu paso polo Concello deixa unha pegada imborrable, tanto polo traballo desenvolvido como polas súas cualidades humanas.
Como mostra do pesar polo seu falecemento, o Concello de Lugo declara tres días de loito oficial no termo municipal desde as 10:00 horas do día de hoxe ata as 10:00 horas do domingo 28 de setembro. Durante este período a bandeira do Concello ondeará a media asta no exterior da Casa Consistorial e no resto das dependencias municipais. Así mesmo, suspéndese o pleno ordinario previsto para esta xornada, así como todos os actos oficiais organizados polo Concello ata a finalización do loito oficial.
Descansa en paz, Pablo.