O Concello de Lugo recibe máis de 400 solicitudes de composteiros individuais

O Concello de Lugo continúa na súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica a través da campaña de distribución de composteiros individuais no rural. Ata o de agora, xa se recibiron máis de 400 solicitudes para participar na iniciativa, impulsada pola área de Transición Ecolóxica.

A campaña insírese no marco dun contexto de avance sostido en materia de reciclaxe no municipio, onde Lugo destaca como unha das cidades que máis incrementou a recollida de residuos nos dous últimos anos: un 48,9% en papel e cartón fronte ao 8,76% de media galega, e un 32,8% no colector amarelo fronte ao 6,8% de media autonómica. Tamén en comparación co Estado, os datos sitúan a Lugo moi por riba, confirmando unha tendencia de crecemento que avala o esforzo colectivo da veciñanza e o bo funcionamento dos servizos municipais.

A campaña arrancou cun primeiro encontro no Centro de Convivencia de Fingoi, no que participaron preto de 40 pedáneos e pedáneas, nunha reunión. Desde entón, xa se desenvolveron reunións informativas en parroquias como Tirimol, Conturiz ou Bazar, e están programadas próximamente novas sesións noutros puntos como o barrio da Ponte, co obxectivo de seguir implicando á veciñanza no uso dos composteiros.

As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro de forma gratuíta a través das canles habituais de Ecolugo: na oficina situada na rúa Clérigos, 7; no teléfono gratuíto 900 909 671; a través da web lucelugo.gal, da app bitPAYT ou do WhatsApp 982 043 093.

O Concello lembra que a compostaxe é sinxela: consiste en depositar no composteiro restos orgánicos como vexetais, froita, pos de café, pan ou restos de xardinería, evitando residuos como carne, peixe ou produtos elaborados. As unidades entregadas veñen acompañadas dunha guía de uso para facilitar a súa correcta utilización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com