O Concello de Lugo traballa nunha alternativa para unir os parques Marcos Cela e Rosalía de Castro

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou, xunto co edil de Infraestruturas e o enxeñeiro municipal, a alternativa de mobilidade na que está a traballar a Tenencia de Alcaldía, comunicando a través dunha pasarela peonil o Parque de Rosalía co Parque Marcos Cela.

Rubén Arroxo lembrou que esta proposta foi aprobada en pleno no ano 2018 a iniciativa do Grupo Municipal do BNG, iniciativa que contou con 24 votos a favor e 1 voto en contra e que consistía en poder unir, facendo un paso peonil, a explanada das costas do parque co entorno do parque Marcos Cela.

Arroxo sinalou que “agora mesmo estase a elaborar un estudo de viabilidade para atopar a mellor alternativa” e engadiu “consistiría nunha pasarela que que comezaría preto do aparcadoiro de autocaravanas do Parque de Rosalía e desembocaría ao comezo do Parque Marcos Cela”.

O Concello planifica poder comezar a elaborar o proxecto a finais do verán, co obxectivo de que esta intervención se materialice no ano 2026.

Esta alternativa permitiría salvar o espazo que crea a ronda República Arxentina, “buscamos crear unha zona que podería servir non só para unir os parques, senón tamén para os residentes deste entorno, salvando a barreira que hai entre as dúas zonas”engadiu.

“Hai unhas semanas falabamos da peonalización da rúa Milagrosa, buscando crear un corredor peonil norte-sur de case 3 km entre Milagrosa e praza de Bretaña, con isto, queremos crear tamén un corredor leste-oeste que nacería na praza do Camiño Primitivo, en Fontiñas, subiría por Carril das Flores, que vai ser peonil, continuaría pola Mosqueira, continuando pola Ronda da Muralla entrando en Recatelo a través do Carril dos Loureiros”. O percorrido continuaría ou atravesando o barrio de Recatelo, ou polo novo Muro de Frei Plácido Rei Lemos, “e aquí teriamos a pasarela que nos permitiría cruzar cara a Magoi ou ao parque Marcos Cela, tamén por un espazo peonil”, dixo Arroxo, que afirmou que esta alternativa creará un espazo “practicamente peonil” entre Fontiñas e o Río.

Fotografía arquivo: parque Marcos Cela.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com