O Concello decreta o peche temporal do after Las Palmeras por superar o aforo e incumprir a normativa

O Concello de Lugo decretou o peche temporal dun establecemento hostaleiro, Las Palmeras, sito na rúa Tui tras a resolución de dous expedientes sancionadores instruídos pola Sección de Mobilidade Urbana e Sancións, a raíz de reiteradas denuncias formuladas pola Policía Local.

Segundo consta nos informes incorporados aos expedientes, o local foi denunciado en varias ocasións por superar o aforo máximo autorizado, fixado en 25 persoas, en distintas datas ao longo do ano 2025. Estas infraccións están tipificadas na normativa autonómica de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Como consecuencia, resolveuse impor unha sanción consistente na suspensión da actividade de bar durante un período total de 47 días.

De forma paralela, tramitouse un segundo expediente sancionador por permitir a saída de vasos e consumicións á vía pública en varias ocasións. Estes feitos están tipificados na Ordenanza Municipal Reguladora da Contaminación Acústica, en relación coa lexislación estatal en materia de ruído. Neste caso, a resolución establece a imposición dunha sanción económica por importe total de 1.803 euros.

Á vista dos feitos acreditados e das propostas de resolución formuladas polos servizos instrutores, o alcalde de Lugo, asinou os correspondentes decretos polos que se consideran probadas as infraccións e se impoñen as sancións indicadas, acordando a suspensión temporal da actividade do establecemento durante o período fixado.

A resolución pon fin á vía administrativa, sen prexuízo dos recursos que procedan conforme á normativa vixente.

Desde o Concello subliñan que estas actuacións responden ao exercicio das competencias municipais de inspección e disciplina en materia de actividades, co obxectivo de garantir o cumprimento da normativa, a seguridade das persoas usuarias e a convivencia cidadá.

Fotografía: Google Maps.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com