O Concello de Lugo está a renovar o mobiliario urbano de diferentes zonas verdes da cidade mediante a instalación de novos elementos de madeira tecnolóxica reciclada.
O novo equipamento consiste en elementos conxuntos de mesa e bancos, especialmente deseñados para contornas naturais, que ofrecen unha elevada resistencia ao desgaste, están fabricados con madeira técnica reciclada (WPC) e non requiren mantemento. Trátase dun material de alta durabilidade, inmune ao ataque de fungos e insectos, cunha textura agradable e un comportamento estable ante a humidade e os cambios de temperatura.
En total, instaláronse 18 unidades distribuídas en catro localizacións da cidade: o Paseo do Miño (6), a Carballeira de Fingoi (4), o xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo (4) e a Praza do Castiñeiro (4). No caso do Miño, a renovación incluíu a substitución de elementos deteriorados na contorna da ponte branca e a incorporación dunha nova unidade na zona próxima á pasarela de madeira, ao carón da rotonda de Alfonso X.
A dotación completarase con outras cinco unidades encargadas que quedarán en almacén para futuras reposicións ou novas localizacións. En total, Lugo disporá de 25 conxuntos de mobiliario urbano especialmente pensados para mellorar a funcionalidade e o confort das súas zonas verdes.