Durante a segunda quincena do presente mes está instalada no Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a exposición itinerante 150 anos da Banda de Música de Pardela, confeccionada por Egeria para o Concello de Paradela.
A Banda de Paradela naceu como Banda do Barrido, na aldea do mesmo nome, e onde había músicos en todas as casas, o ano 1873. A exposición percorre a traxectoria desta Banda que naceu canda a primeira República española, e como Banda de Barrido, Banda de Barrido-Farbán ou Banda de Paradela -despois de pasar pola emigración americana e europea- pervivíu ata o momento actual, na que está dirixida polo músico Martín Vázquez e presidida pola saxofonista Marisol Arias.
Grazas ás informacións recollidas por diferentes xornais desde finais do século XIX, foi posible seguir a traxectoria desta Banda que desapareceu a comezos dos anos sesenta pola emigración da maioría dos seus membros, e foi recuperada anos despois por músicos que volveron da emigración ou continuaron con actividades musicais na terra.
Destácanse nomes como Cándido López (impulsor da banda ao volver da emigración en Suiza), Pedro Rodríguez (director, que “tocaba todos os instrumentos”, e na súa memoria ten un pequeno museo na súa casa de Barrido), Ramiro Rodríguez (director, fusilado no tempo da Guerra Civil) e “Ramiriño” (o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de director de seu pai e o clarinete que el tocaba, ao CENTRAD de Lugo).
Un panel está dedicado ao músico e director Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que tocou no Circo Price, e durante dúas décadas foi director da Banda e Escola de Música. E noutro destácase ao músico máis veterano da Banda, Julio Varela, de 93 anos, que toca o bombo, e á máis nova, Sara Arias, de 11 anos, que toca a trompeta.