Lugo acollerá o próximo 27 de decembro dúas representacións de Reinventio, un espectáculo galego de gran formato que combina maxia, danza e artes circenses nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse e recuperar a ilusión.
Reinventio é un espectáculo concibido e producido en Galicia baixo a dirección artística de Martín Varela e da coreógrafa Mercedes Suárez, fundadora de Druida Danza. Conta cun elenco de artistas galegos e internacionais que fusionan números de danza, circo e maxia.
A narración segue a un mago que perdeu a súa ilusión e tenta recuperala ao percorrer os seus soños e pesadelos. Ao longo de 90 minutos de duración, a peza constrúe unha viaxe simbólica que conecta co espírito do Camiño de Santiago, entendido como tránsito, procura e capacidade de reinventarse.
A produción vén avalada polo éxito que rexistrou o espectáculo Inventio, impulsado no marco do Xacobeo e que serviu de base para esta nova creación.
O acto foi presentado por Javier Arias. delegado territorial da Xunta en Lugo, patrocinadora do evento, ao que acompañaban, o ilusionista ferrolán Martín Varela, creador da obra; e un dos artistas que interveñen na representación, o portugués Andrew Noronha, vinculado ao mundo do circo dende os dous anos.






