O Grupo Popular de Lugo denuncia que o Goberno municipal está a fallar nun dos piares que, ao seu xuízo, debería ser fundamental para un executivo que “se autoproclama como progresista: a conciliación familiar”. Segundo sinalan, a organización das actividades extraescolares nos centros educativos da cidade está marcada pola “improvisación, cancelacións constantes e falta de garantías para as familias usuarias”.
A última incidencia produciuse no CEIP de Paradai, onde —segundo explican os populares— a empresa contratada polo Concello cancelou dúas actividades previstas para esa mesma tarde por falta de persoal. Esta situación deixou ás familias sen servizo e sen tempo para reorganizarse, agravando o malestar entre a comunidade educativa.
Desde o PP aseguran que “a propia concesionaria recoñece dificultades estruturais para cubrir baixas e garantir o número necesario de monitores, unha problemática que, segundo a súa versión, o Goberno local coñece pero tolera sen reforzar os controis nin esixir solucións efectivas”.
Os populares lembran que, polo momento, a única reacción municipal foi iniciar un procedemento sancionador á empresa por presuntos impagos salariais ao persoal. Consideran insuficiente esta resposta, xa que “non se ofreceron explicacións públicas nin se adoptaron medidas que garantan a continuidade do servizo ou a protección das familias afectadas”.
A formación sinala ademais que foi grazas ás queixas trasladadas desde o colexio das Gándaras cando se puxo o foco nesta problemática. A raíz diso, rexistraron unha batería de preguntas para aclarar desde cando coñecía o Executivo estas incidencias, que mecanismos de control aplicou e se se chegou a pagar por servizos que non se prestaron con normalidade.
Neste contexto, o Grupo Popular anuncia que continuará recompilando incidencias comunicadas por familias e centros educativos co obxectivo de documentar o que consideran unha situación que evidencia a distancia entre “o discurso social do Goberno e a realidade diaria da cidadanía”.
“O PP ten claro o seu modelo: as persoas no centro e a conciliación como prioridade. En Lugo, hoxe, temos un Goberno que fala de políticas sociais mentres deixa ás familias sen servizos básicos”, conclúen.






