O PP na Deputación logra aprobar a súa proposta para “protexer ao sector primario” ante o acordo UE-Mercosur 

O Partido Popular conseguiu aprobar na Deputación de Lugo unha iniciativa de apoio ao sector primario, grazas á abstención do PSOE e do deputado non adscrito, mentres que o BNG votou en contra. A proposta ten como obxectivo defender o sector, reclamando á Unión Europea que non se poña en marcha de forma provisional o acordo de libre comercio co Mercosur sen garantías suficientes para o agro, así como o reforzo das cláusulas de salvagarda e un maior control nas fronteiras.

O portavoz do PP, Antonio Ameijide, manifestou a disposición do seu grupo a consensuar unha declaración institucional ou a acadar un acordo unánime na Deputación, ao considerar que todas as forzas políticas comparten a preocupación por protexer o sector primario. Porén, segundo indicou, PSOE e BNG rexeitaron esa posibilidade.

Durante a súa intervención, Ameijide recolleu as palabras do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen defendeu que “todos os produtos agroalimentarios que cheguen a Galicia deben cumprir as mesmas esixencias que os producidos no territorio, e que as cláusulas de salvagarda deben aplicarse de maneira simultánea á entrada en vigor do acordo. O obxectivo final, sinalou, é evitar prexuízos para o sector agrogandeiro galego”.

O portavoz popular explicou tamén que, tras os recentes acontecementos no Parlamento Europeo, onde se decidiu remitir o acordo ao Tribunal de Xustiza da UE, abrindo a porta á súa aplicación provisional sen activar as cláusulas de protección, o PP decidiu actualizar e mellorar a súa proposta inicial. Neste contexto, “criticou a postura do BNG, ao que acusou de pactar con Vox, malia asegurar previamente que non chegaría a acordos con esa formación”.

Por último, Ameijide lembrou que as negociacións a nivel europeo corresponden directamente ao Goberno de España, xa que é o Estado quen actúa como interlocutor ante a UE, sen participación da Xunta nestes procesos.

Residencia de Becerreá

Outra das propostas do PP, esta rexeitada cos votos de PSOE, BNG e Non adscrito,  foi a de botar a andar a Residencia de Becerreá. Ante o  o voto en contra dos deputados que sustentan o goberno provincial o voceiro popular Ameijide declarou: “A nova etapa na Deputación é máis do mesmo, hoxe Carmela López puido demostrar que quere aire fresco na Deputación, pero optou por seguir os mandatos de José Tomé e castigar aos veciños de Becerreá e da comarca polas liortas internas do PSOE”

PSOE e BNG “seguen sen avanzar de forma real” na apertura da residencia tras coñecer a consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá que “non pon data nin á licitación nin á apertura do centro”

Ameijide explica que “todo apunta a que a intención de PSOE e BNG é dilatar a apertura do centro e privatizalo, xa que pretenden entregar a residencia a unha empresa por 0€ de canón anual e cobrar 2.200€ a cada usuario fronte aos 1.390€ do resto, un 70% máis, mentres a Deputación non pon nada e que sexan os usuarios os que asuman todo o custo”

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com