O Grupo Municipal do Partido Popular rexistrou unha emenda para modificar o artigo 150.2 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de evitar a prevalencia automática do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) sobre o planeamento urbanístico. A iniciativa foi exposta na Comisión de Contas durante o debate da modificación do PXOM, que será sometida a votación no pleno municipal previsto para o xoves.
A proposta establece que, no caso de existiren incongruencias entre ambos instrumentos, non se produza unha prevalencia automática do PMUS sobre o PXOM. Pola contra, expón a necesidade de promover a modificación ou revisión formal do instrumento que corresponda para garantir a coherencia do ordenamento municipal. Así mesmo, recolle que o plan de mobilidade non poderá alterar por si só determinacións urbanísticas relativas a usos, reservas, estándares de aparcadoiro, dotacións, condicións de edificación ou ordenación urbanística sen a correspondente modificación formal do planeamento.
A voceira popular Elena Candia reivindicou o traballo feito, xa que alguns dos cambios foron solicitados e defendidos polo Partido Popular, como é o caso da eliminar a obriga de esgotar a edificabilidade de fondos e alturas para facilitar rehabilitacións e ampliacións ou adaptar o planeamento á Lei do Solo, entre outras medidas que son “do máis razonable pero que chocan frontalmente co modelo de mobilidade que queren imponer o PSOE e o BNG”.
Tamén sinalan como aspectos positivos a eliminación de referencias a figuras xa superadas pola normativa autonómica, a clarificación do réxime de fóra de ordenación e incompatibilidade parcial, e a regulación máis precisa das actuacións posibles en edificacións existentes. Do mesmo xeito, subliñan a actualización das condicións de edificación para incorporar solucións técnicas actuais, como sistemas de aerotermia e instalacións en cuberta.
O PP considera igualmente relevante a resolución de contradicións e baleiros normativos que, segundo indican, dificultaban a tramitación de licenzas e proxectos, en cuestións como patios interiores, ventilación, rasantes, plantas baixas, condicións estéticas ou instalacións en fachada. Ao seu xuízo, estas modificacións poden contribuír a mellorar a seguridade xurídica, a claridade técnica e a aplicación do PXOM. Elena Candia tamén lembrou a importancia que para o PP ten o urbanismo “por ser un instrumento de desenvolvemento da cidade” afeando a pouca preparación sobre o tema que demostraron esta mañá na comisión de contas.






