O PP reclama “unha actuación urxente para eliminar un vertido de augas fecais no Rato”

O Grupo Popular manifestou o seu apoio ás reivindicacións da veciñanza das zonas de Camiño Romai e Casas Vellas en relación coa situación existente no cruce de Casas Vellas, Ponte Romai e rúa da Soidade, no municipio de Lugo.

Segundo se expón, hai máis de medio ano produciuse a rotura dun colector neste punto, o que estaría a provocar un vertido continuado de augas fecais ao río Rato. A situación é cualificada como preocupante desde o punto de vista ambiental.

Ademais, sinálase a existencia dun socavón e de fendas na calzada que poderían afectar á estabilidade da vía. Trátase dun tramo con tráfico habitual, empregado como acceso ao polígono industrial do Ceao desde Ponte Romai.

A veciñanza presentou escritos tanto no Concello como na Confederación Hidrográfica do Norte para advertir da problemática. Segundo indican, a actuación realizada ata o momento consistiu na colocación de valado provisional na zona.

O Grupo Popular anunciou a presentación dun rogo ao pleno municipal co obxectivo de instar á adopción de medidas urxentes que permitan reparar o colector, poñer fin ao vertido e garantir a seguridade na vía afectada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com