O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, Tomé Roca, presidiu este martes unha nova reunión da Comisión Executiva Provincial, celebrada na sede do partido na capital lucense.
Durante a sesión, analizáronse diversas problemáticas que afectan á veciñanza da provincia, como o “Servizo de Axuda no Fogar, a sanidade, o transporte público ou a situación de numerosos centros educativos. O Secretario Xeral advertiu da necesidade de que o PSdeG “siga poñendo voz ás demandas da cidadanía fronte á pasividade da Xunta de Galicia” e subliñou que “cada vez son máis os concellos que se atopan con servizos básicos en risco pola falta de planificación do Goberno do Partido Popular despois de dezaseis anos”.
Así mesmo, Secretario Xeral anunciou o inicio dun calendario de encontros coas agrupacións locais e nas distintas comarcas de Lugo, co obxectivo de reforzar a coordinación interna e manter un contacto permanente co territorio. Segundo explicou, “estes encontros permitirán coñecer de primeira man o que acontece en cada concello, anticiparnos ás necesidades e ofrecer respostas rápidas e eficaces”. Ademais, destacou que esta dinámica servirá para mellorar a comunicación entre a dirección provincial e as bases, “fortalecendo o traballo conxunto e a unidade do proxecto socialista en Lugo”.
O líder socialista engadiu que “con estas reunións polas comarcas de toda a provincia vaise dinamizar o traballo das agrupacións de cada concello, e nos levará a volver gañar as eleccións municipais en 2027 para seguir gobernando a maioría dos cidadáns da provincia, tal como ocorre agora”.
Con esta nova xuntanza, o PSdeG-PSOE de Lugo reafirma o seu compromiso cun proxecto político activo e participativo, centrado nas preocupacións reais da veciñanza e na defensa dos servizos públicos que garantan igualdade de oportunidades en todo o territorio.