O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelar solicitada polo Sindicato Nacional de CCOO coa que se pretendía a suspensión do procedemento de licitación e adxudicación do programa Aprende Xogando do Concello de Lugo. A decisión tomouse pola sala de vacacións do TSXG, encargada de atender en agosto os asuntos urxentes que non admiten demora. Neste caso, o recurso contencioso-administrativo foi presentado polos trámites do procedemento especial de protección dos dereitos fundamentais.
A sala entende que non se ofreceu por parte do sindicato recorrente “unha mínima explicación dos prexuízos de imposible ou difícil reparación que podería xerar a culminación do proceso de licitación”, que se atopa nunha fase moi avanzada, ao terse procedido á apertura do sobre de oferta económica o día 3 de xullo pasado. Engaden os maxistrados na súa resolución que se trata “da execución dun programa cuxas bases e pregos de prescricións técnicas veñen ser substancialmente iguais ás de procedementos de licitación anteriores, segundo se pode comprobar a través da plataforma de contratación do sector público”.
Conclúe a sala afirmando que “na ponderación dos intereses en conflito, se se ten en conta a prioridade que ten que darse á prestación dun servizo público que consiste na execución dun programa pedagóxico de apoio á conciliación, non se aprecian motivos para acceder á medida cautelar que se postula, sen que iso supoña prexulgar un pronunciamento sobre o fondo das cuestións que constitúen o obxecto do recurso, a dirimir no proceso principal”.