A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou esta mañá o Punto Violeta da UGT Lugo, un novo espazo seguro destinado a ofrecer información, acompañamento e apoio ás mulleres vítimas de violencia machista, así como a promover a sensibilización social e a prevención de condutas violentas e discriminatorias cara as mulleres.
“A cooperación entre o Goberno e organizacións como UGT é fundamental para que a resposta institucional sexa real e próxima, para que as vítimas atopen axuda en espazos habituais e de confianza”. Subliñou López. Ademais agradeceu tamén o compromiso do sindicato e “das traballadoras e traballadores que se forman para poder prestar un servizo de atención e axuda de calidade”. Así, a iniciativa inclúe formación específica para o persoal das oficinas sindicais, que recibiron orientación sobre como actuar ante casos de violencia machista e converteranse en persoas de referencia para detectar, canalizar e acompañar situacións de risco.
Cada Punto Violeta estará identificado cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta, que recolle recursos institucionais, consellos prácticos e información sobre como actuar fronte á violencia de xénero.
Ampliación da rede na provincia
O novo espazo de UGT Lugo amplía a rede de Puntos Violetas da provincia, que xa conta con localizacións nas sedes da Subdelegación do Goberno (Rexistro e Estranxeiría), no SEPE, na Axencia Tributaria, en Muface, nas oficinas do INSS e da TGSS, e nos Paradores.
A subdelegada destacou que o obxectivo é seguir achegando os recursos de atención e sensibilización a todos os ámbitos da vida cotiá, e lembrou que “ningunha muller debe sentirse soa nin desprotexida ante a violencia”.
Esta actuación enmárcase no Plan de Mellora e Modernización impulsado polo Ministerio de Igualdade, que promove unha resposta integral e coordinada fronte á violencia machista, implicando ao conxunto da sociedade e consolidando unha rede estable de espazos seguros en todo o territorio.




