Os comercios lucenses interesados en participar no Mercado de Nadal poderán solicitalo ata o venres

Os comercios lucenses interesados en participar no Mercado de Nadal “Nadalmente Lucense” aínda están a tempo de presentar as súas solicitudes para formar parte dun dos eventos máis clásicos e tradicionais do inverno lucense, que se desenvolverá do 5 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza Maior de Lugo. Ata o vindeiro venres, día 28, os negocios locais que desexen estar presentes de xeito gratuíto neste mercado poderán solicitalo no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través do rexistro electrónico da sede electrónica do Concello de Lugo www.lugo.gal.

Os negocios aos que va dirixida esta iniciativa son comerciantes ou artesáns locais, pertencentes aos sectores de artesanía e traballos manuais; decoración; alimentación e bebidas; produtos ecolóxicos e sostibles; roupa e complementos; regalos e souvenirs; xogos e xoguetes e flores e plantas.

Ademais de no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través do rexistro electrónico da sede electrónica do Concello de Lugo www.lugo.gal., tamén poderá realizarse a solicitude mediante os procedementos habituais establecidos polas administracións públicas. Neste último caso a persoa solicitante deberá comunicar, na mesma data na que presente a petición, mediante correo electrónico remitido á dirección cei@lugo.gal a presentación de dita solicitude.

Quendas e horarios

As casetas do Nadalmente Lucense cederanse por quendas, con catro diferentes que coinciden cunha semana de prazo. Do 5 de decembro ao 14 de decembro; do 15 de decembro ao 21 de decembro; do 22 de decembro ao 28 de decembro; e unha última quenda para a semana do 29 de decembro ao 5 de xaneiro. Para os cambios de ocupantes das casetas, esta deberá quedar valeira a entre as 21:00 e as 23:00 horas, para deixar paso a un novo negocio, que deberá ter a caseta totalmente montada entre as 8:30 e 10:00 horas do día de entrada.

Os horarios establecidos son, ao igual que outros anos, de 11:00 a 14:30 horas polas mañás, e de  16:30 a 21:00 horas, polas tardes, agás os días 24 e 31 de decembro, nos que o mercado funcionará unicamente en horario de mañá; e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que permanecerá pechado. A programación presentada busca acompañar e enriquecer a actividade comercial cunha oferta ampla de propostas lúdicas, culturais e participativas, dirixidas a público infantil y familiar. Grazas a esta programación e á variedade de negocios e comercios, dende a área de Dinamización Económica preténdese crear un ambiente cálido, próximo e festivo que reforce a identidade do Nadal lucense e favorezca a presenza continua de visitantes na praza, garantindo que cada día conte con propostas atractivas e accesibles.

A adxudicación das casetas e quendas realizarase mediante sorteo público, e terá lugar o día 2 de decembro ás 10:00 horas no CEI NODUS, unha adxudicación de espazos que será publicada no Taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello de lugo (www.concellodelugo.gal) antes do 3 de decembro.

Ao igual que en anteriores edicións haberá actividades paralelas nas casetas dedicadas ao Fogar de Santa Claus; na reservada ao emisario dos Reis Magos; unha cabana para albergar espectáculos e obradoiros e o poboado miúdo. Todo o recinto do mercado Naldalmente Lucense estará perimetrazo cun sistema de valado para evitar o tránsito accidental de viandantes polas zonas verdes e con plantación de flores da Praza Maior.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com