O Grupo Provincial Socialista vén de rexistrar unha moción para reclamar á Xunta de Galicia que “poña fin aos recortes educativos que están a deteriorar a calidade da ensinanza pública no rural”.
Segundo o Grupo Socialista, “trátase dunha política que repite erros xa corrixidos no curso pasado e castiga con especial dureza aos centros do rural, onde cada praza eliminada supón un retroceso na igualdade de oportunidades”.
A moción recolle tamén as queixas das familias e das ANPAS que, “un ano máis, tiveron que mobilizarse para reclamar profesorado suficiente e denunciar o incumprimento das ratios pactadas”.
O texto pon exemplos concretos desta política de recortes en diferentes concellos da provincia: no CEIP Virxe da Luz de Portomarín, “a Xunta eliminou un cuarto profesor de Primaria e deixou sen cubrir a praza de Inglés; no CEIP do Páramo, decidiu agrupar alumnado de diferentes ciclos e idades en só dúas aulas; e no CEIP Península da Paz de San Cibrao, a dirección e a ANPA tiveron que solicitar que se mantivese o desdobre dunha aula con 23 alumnos, xa aplicado no curso anterior”.
A través desta moción, o PSdeG esixe que a Xunta manteña no CEIP Virxe da Luz de Portomarín o cadro docente do pasado curso, incluído o cuarto profesor de Primaria e que cubra de inmediato a praza de especialista en Inglés. Ademais, reclama que se respecten as ratios de agrupamento pactadas cos sindicatos en outubro de 2023, así como a garantía dun cadro docente suficiente en todos os colexios da provincia, especialmente nos do rural.
“Cada curso non se pode volver empezar repetindo os mesmos erros. A defensa dunha educación pública de calidade, gratuíta e universal é unha prioridade irrenunciable, porque dela depende a igualdade de oportunidades e o futuro do rural lucense”, conclúen os socialistas.
PSdG
—