Perdidos

Véuseme á mente a serie “Perdidos”, que mestura unha especial visión do futuro con misterio, violencia, e aventuras nunha illa deserta. Despois de varias tempadas, como se fose unha provocación á imaxinación, todo queda no aire, os misterios non se aclaran por moito que a realidade se transforme e o espectador quede angustiado por unha situacion incomprensible. Lembrei “Perdidos”, ao saber de maiores que se perden en xeografías que foron coñecidas, rodeadas de persoas coas que conviviron, alleas en todo ou en parte ao que acontece no arredor.

A perda comeza no interior de persoas que deixan de saber, de coñecer, de recordar; esa traxedia persoal, familiar e social que arrrinca a quen a sofre anacos de vida, imprescindibles para saber quen son, de onde veñen e con quen, facendo tábula rasa da carga que os anos, vivencias e afectos vai nutrindo o interior máis profundo.

Que tristeza que a un ser humano se lle arrebaten as experiencias vitais en roubo infame do que ninguén pode recuperarse. Que inxusto sufrimento para os afectados, que veñen ser todos os pertencentes á unidade familiar na que alguén se perde.

Detéctase especial atención ao problema por parte das institucións, entidades sociais e familias, e seguro que non fai falla pedir que todos os avances científicos e técnicos se apliquen para evitar e solucionar estas perdas. Porque verdadeiramente perdidos no seu interior están todos os que sofren este alevoso mal, e a perda física, extravío que sempre agardamos que sexa momentáneo, non é máis que a expresión exterior da perda interior que nos deixa angustiados por unha situación incomprensible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com