O Círculo de Podemos Lugo ven de emitir unha nota de prensa na que “quere expresar a súa máis fonda preocupación pola decisión do Concello de informar en contra do proxecto de reforma da Protectora de Animais, o que condena a que centos de cans e gatos sigan vivindo en condicións indignas durante máis tempo”.
Desde Podemos Lugo sinálase que “non se pode falar de Lugo como unha cidade que respecta aos animais mentres se bloquea a reforma da Protectora e se ignoran as obrigas legais”. A formación morada , lembra que “a Lei de Benestar Animal establece a obriga de garantir instalacións adecuadas e recoñece a existencia de subvencións europeas específicas para este fin. O máis grave é que o Concello de Lugo nin sequera solicitou esas axudas, demostrando unha absoluta falta de vontade política”.
Podemos subliña que “esta actitude resulta aínda máis incomprensible se temos en conta que Lugo conta cun goberno municipal “progresista”, froito da coalición entre PSOE e BNG, que se significan como defensores dos dereitos dos animais”. “A realidade, continúan, é que abandonan aos animais, mentres presumen de animalismo nos discursos. Ademais, inciden, que “resulta evidente a dobre vara de medir: noutros casos de incumprimentos urbanísticos graves, a administración local pecha os ollos ou aplica sancións mínimas, mentres que coa Protectora non hai diálogo nin vontade de solución. E rematan “dende Podemos Lugo esiximos ao Concello: 1. Retomar de inmediato a tramitación da reforma da Protectora, procurando solucións en lugar de bloquear proxectos. 2. Solicitar de xeito urxente as subvencións europeas previstas pola Lei de Benestar Animal. 3. Establecer un plan de colaboración real coa Protectora e coas entidades sociais que traballan pola defensa dos animais. “Non podemos seguir permitindo que a burocracia e a inacción política condenen aos animais de Lugo a condicións indignas. É hora de pasar das palabras aos feitos”, conclúese desde Podemos Lugo”.