Esta fin de semana terá lugar a 47 edición do Rally San Froilán coa participación de arredor de 150 vehículos.
Esta edición do rally organizado pola Escudería Miño, conta con preto de 100 quilómetros cronometrados, distribuídos en catro treitos a dobre pasada, en Outeiro de Rei, no Corgo, en Samos e entre O Páramo e Goián (Sarria), que suman máis de 93 quilómetros cronometrados.
O treito de Samos é a gran novidade do percorrido do Rally, que conta con 142 pilotos inscritos e que decidirá o Campionato Galego de Asfalto. Victor Senra e Alberto Meira son os pilotos con opcións de facerse co título galego ao final da proba que, segundo destacaron desde a
organización, reúne “a mellor lista de inscritos do Campionato”, con tres coches da categoría World Rally Cars e sete da R5.
Durante a presentación do evento o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que a Secretaría Xeral para o Deporte achega soporte económico mediante un convenio coa escudaría Miño como entidade organizadora.
Tamén se involucrará un ano máis o CIFP As Mercedes. Alumnado do ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición realizará parte das asistencias dos vehículos. Ao respecto, Arias destacou tamén a implicación de alumnas que visibilizan o talento feminino no sector do motor, tradicionalmente masculinizado. Igualmente, instalarase no parque pechado -na Horta do Seminario de Lugo- o simulador de Fórmula 1 deseñado e construído no propio centro educativo.
O Rally comezará coa cerimonia de saída, que se celebrará o venres ás 19.30 horas na Parza da Horta do Seminario. A disputa dos treitos
concentrarase o sábado.