O Concello de Lugo informa de que o canil de Frigsa xa está de novo en funcionamento, aínda que cunha pequena zona acoutada por motivos de seguridade tras unha inspección técnica realizada o 26 de febreiro por persoal especializado. O informe, remitido ao Concello o 12 de marzo, recomendou delimitar a área afectada e permitir a reapertura do resto do recinto en condicións seguras.
Deste xeito, onte procedeuse á sinalización da zona e á reapertura parcial do canil, quedando dispoñible para a cidadanía máis do 90 % da súa superficie. O documento técnico tamén aconsella realizar unha prospección xeotécnica complementaria para determinar con maior precisión a incidencia detectada e definir posibles solucións. O Concello subliña que a actuación se levou a cabo con axilidade e seguindo criterios técnicos para garantir a seguridade.






