As obras que están a piques de concluir abranguen a preparación e o acondicionamento dunha superficie de máis de 20.000 metros cadrados, coa eliminación da vexetación en mal estado, a nivelación da plataforma e a construción dun sendeiro de dous metros de ancho con pavimento estable e seguro. Ademais, instálanse bordes de granito, sistemas de drenaxe, bancos de granito, papeleiras metálicas e iluminación mediante 17 luminarias LED. A actuación inclúe tamén unha integración ecolóxica con plantación de especies autóctonas –como carballos, freixos, abeleiras ou bidueiros–, a sementeira de céspede e a instalación de casetas-refuxio para esquíos.
Coa finalización destas obras, Lugo consolidará a continuidade dos seus paseos fluviais e reforzará o seu modelo de cidade sostible, conectada co seu entorno e pensada para mellorar o benestar da súa veciñanza. O resultado permitirá ampliar as posibilidades de uso do espazo natural urbano e fortalecerá a relación histórica da cidade co río, pechando un dos proxectos ambientais e urbanísticos máis relevantes dos últimos anos.




