O tramo da Ronda da Muralla, entre a Avenida da Coruña e a Praza Bispo Odoario, quedará pechado ao tráfico dende as 08:00 horas do vindeiro luns, e, previsiblemente, ao longo de dúas semanas, para executar as obras no último tramo da obra de asfaltado que o Concello está a levar a cabo na Ronda da Muralla.
Así o anunciou este venres o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen adiantou que estas obras, que contan cun orzamento total de 208.000 euros, continúan cos prazos establecidos.
Para garantir a mobilidade do tráfico rodado, establécense varias medidas en materia de seguridade e circunstancial. Por exemplo, dende a Praza de San Fernando ata a Praza Bispo Odoario canalizarase o tráfico pola Avenida da Coruña. Así mesmo, dentro da obra manterase un acceso que facilite a entrada a vehículos de emerxencia e permitirase a entrada e saída aos garaxes debidamente sinalizados. Do mesmo xeito anularanse todas as zonas de estacionamento e servizos dispostos no tramo afectado.
No que se refire ao bus urbano, as paradas afectadas polo corte trasladaranse ao número 69 da rúa Concepción Arenal, á rúa Tui, número 4, e á rúa Tino Grandío, instalando carteis informativos de dito cambio nas 3 paradas anuladas temporalmente.
Quedará restrinxida a circulación en sentido entrada da cidade pola Avenida da Coruña dende a rúa Tino Grandío, establecéndose o desvío provisional por esta última.
No tramo da Avenida da Coruña, comprendido entre a Ronda da Muralla e a rúa Concepción Arenal, habilitaranse 2 únicos carrís de circulación, ambos en sentido saída da cidade, destinándose o esquerdo para o cambio de dirección cara a rúa Concepción Arenal.
Ademais, non se permitirá o acceso á Ronda dende Camiño Real. Modificarase a preferencia de paso no cruce da rúa Concepción Arenal con Camiño Real. Dende a rúa da Xesta impedirase a saída de vehículos á Ronda, facilitando a saída pola rúa Concepción Arenal.