Rueda anuncia en Lugo a primeira estratexia galega de aeroespazo, seguridade e defensa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou  que a primeira estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa, aprobada hoxe no Consello da Xunta en Lugo, mobilizará de aquí ao ano 2030 “en torno aos 900 millóns de euros”, procedentes da colaboración público-privada, e permitirá “a nova creación ou a transformación substancial” dun cento de empresas.

Tal e como lembrou o responsable do Executivo autonómico, nos vindeiros anos “vanse incrementar as necesidades en materia de seguridade e defensa” polo que “o sector aeroespacial pode ser unha vía para que industrias xa consolidadas en Galicia: naval, automoción, loxística e metal, poidan diversificar a súa actividade e diversificala”.

A Iniciativa Estratéxica aprobada hoxe apoiarase no desenvolvemento de tres grandes programas de investimento e de 21 actuacións específicas, cunha dotación por parte da Xunta de “183 millóns de euros”.

A estratexia permitirá a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde 2015 tras a posta en marcha da Civil UAV, e permitirá aproveitar,  segundo sinalou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, “unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade”.

Deste xeito, a Xunta dá un paso adiante e compromete un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia aproveitando as capacidades que a comunidade atesoura para poder asumir a fabricación do 75 % das tipoloxías de compoñentes e servizos que require o sector.

5 obxectivos

A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa.  O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción, fomentando a transición entre sectores; ao cal se suma, en terceiro lugar, a materialización de novos investimentos industriais que se concreten en centros de produción en Galicia. O cuarto dos obxectivos marcados na nova folla de ruta galega é o fortalecemento das capacidades produtivas territoriais da Comunidade galega, a través de acceso a capital, infraestruturas e traballadores cualificados. E, por último, liderar as novas políticas industriais.

3 programas de investimento

Do mesmo xeito, establécense tres programas de investimento: o Programa ecosistema,  o de incorporación e consolidación e un terceiro programa para investimentos duais.

O Programa Ecosistema busca tecer alianzas con socios estratéxicos e tecnolóxicos a través dos denominados “Acordos de asociación” co propósito de fomentar o crecemento conxunto de empresas tanto do ámbito da defensa como alleos, ao redor da súa cadea de valor.

O segundo piar da iniciativa busca aproveitar as oportunidades dos sectores do aeroespazo, a seguridade e a defensa, apoiando novas empresas e consolidando ás xa existentes e ofrecerá apoio económico para financiar a innovación, a obtención de certificacións e aqueloutras actividades necesarias para avanzar na transformación.

Por último, e dotado con 65 millóns de euros, o programa para investimentos duais en aeroespazo, seguridade e defensa ten na creación dun fondo de investimento en tecnoloxías duais para empresas con centros de traballo en Galicia a súa principal actuación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com