Rueda anuncia máis medios aéreos e revisión nas zonas próximas ás vivendas na loita contra o lume

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego acometerá o reforzo dos medios aéreos de extinción e revisará a limpeza das zonas máis próximas ás vivendas e infraestruturas. Por un lado, a través do reforzo dos medios aéreos de extinción coa incorporación de novos avións e helicópteros e coa creación de novas bases que poidan acollelos. E, por outro, reforzando cos concellos a xestión das faixas secundarias, e asumindo o Goberno galego a limpeza destas zonas.

Así o fixo esta mañá na súa intervención ante o Pleno do Parlamento, onde compareceu a petición propia para dar conta da xestión da Administración Autonómica en relación da vaga de incendios forestais rexistrada este verán en Galicia. O presidente comezou
mostrando a súa proximidade a todas as persoas afectadas, ao tempo que manifestaba o seu dor por todo o territorio e as vivendas afectadas.

“Cada hectárea que ardeu percibímola como se fose propia, e tamén sentimos moi preto a aqueles galegos que perderon as súas propiedades ou o seu modo de vida”, destacou. E tamén agradeceu a resposta exemplar de todas as persoas implicadas: “Nunha situación extraordinaria vin a resposta extraordinaria dun pobo extraordinario. Podemos sentirnos orgullosos”, remarcou o presidente.

Na súa comparecencia, Rueda valorou as causas dos incendios, dicindo que o análise destas non pode caer en simplificacións. Remarcou que, na inmensa maioría dos casos, “se o monte arde é porque alguén o prende”, e destacou o traballo da Xunta e dos distintos corpos de seguridade, reforzando a vixilancia con cámaras en puntos estratéxicos, incrementando as patrullas disuasorias e potenciando a investigación. Destacou que o Goberno autonómico conta coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), creada de xeito específico para atallar as causas dos lumes.

Ademais, as condicións meteorolóxicas e a evolución demográfica –xa que Galicia nunca tivo tanta superficie forestal como agora– foron tamén causas desa situación. Ante isto, o presidente deixou claro que Galicia “vai seguir estando á vangarda na loita contra o cambio climático”, e que desde o Goberno galego vai seguir potenciando un rural “do que se poida vivir e no que se poida vivir”.

Rueda salientou que, de xeito conxunto cos concellos, se analizará a introdución de cambios normativos para que as Administracións poidan entrar directamente a limpar as fincas situadas en lugares sensibles aos lumes, naquelas zonas nas que os propietarios estean a incumprir a súa obriga. A maiores, o presidente afirmou que se promoverá unha modificación legal para que as comunidades de montes deban investir unha porcentaxe maior dos seus ingresos en prevención e en adquisición de maquinaria.
O presidente tamén anunciou que vai presentarse antes de que remate este ano o borrador do futuro Plan director da industria forestal, coa idea de que o aproveitamento económico e a ordenación sigan indo da man.

Rueda remarcou que tamén vai traballarse na simplificación dos permisos para facer rozas e queimas controladas, así como en dar facilidades para converter o solo forestal en solo agrario.

Por último, Alfonso Rueda rematou a súa intervención apuntando a importancia de extraer as leccións necesarias da situación pasada este verán, de maneira que “esteamos máis preparados para todo o que teña que vir no futuro”: “Nunha crise sempre hai leccións que extraer e fallos que corrixir. Hai que analizar os erros que houbo e ver os acertos. Foi unha situación excepcional que estivo marcada pola dureza pero tamén pola grandeza dos que tiveron que intervir”, apuntou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com