Fale un con quen fale, sempre asoma a dura actualidade, e a conclusión ven ser que nada é como antes, como pouco antes, desde que un inconcreto tsunami alterou modos de comportarse, de razoar, de facer política, de vivir…
Levo un tempo lonxe das novas da política diaria, quizais por ese tsunami que cambiou (non reglas, senón) comportamentos e talantes; quizais tamén por ter vivido seis anos na casa do concello, no fragor da actualidade, alimentándome agora só de titulares que, moitas veces, firen como balas.
Por iso, sobresaltoume a nova de que unha concelleira do grupo de goberno municipal de Lugo o abandoase renunciando ao soldo pero non a ser concelleira, por falta de medios e desacordo coa liña de mando. E non me tranquilizou ao día seguinte que todo se amañara, como se fose una falsa alarma.
Algo falla, aínda que non sei qué. Se falla a concelleira que lanzou un órdago, para logo plegarse cando se cumpran en todo ou en parte as súas condicións. Se foi o alcalde defendendo posturas que logo tería que ablandar. Se foi o sistema o que fallou por afectar ás comunicacións do goberno, do partido ou do simple sentido común.
Tranquilizaríame saber que todo vai ben no goberno municipal, dentro do que cabe. Porque sei da fugacidade dos acordos, da fraxilidade dos pactos, da incoherencia dos planteamentos, da volatilidade das palabras…
Falta seriedade na política especialmente despois dese tsunami que todos acusamos con derrotismo. E o caso é que calquera situación política pode amañarse cun simple remedio caseiro, aplicando ao cincuenta por cento, sentidiño e seriedade. Pero nestes tempos é moito pedir.


