Veñen de cumprirse 30 anos do pasamento de Xosé Trapero Pardo, home sabio, escritor, académico, amigo do que tantos aprendemos tanto. Era o Cronista Oficial de Lugo, gardador da memoria, e o Concello pagáballe o seu traballo cunha “presa de machacantes” (Isidro Novo dixit), quizais o equivalente a quince euros ao trimestre.
Con Trapero morreu o Cronista. No canto de ter a valentía de nomear un cronista independente que conte as cousas de hoxe para o futuro, o alcalde convocou un concurso de paripé entre as xentes da cultura. Como aos concursos cárgaos o demo, saíron os nomes de Felipe, Adolfo e Xulio, que non eramos o que el buscaba. E van trinta anos de covardía – da alcaldía ou da institución – que avergoñan á cidade.
Teño dito moitas veces que “grazas”, que é unha honra; que “Domine, non sum dignus”. Que hai que elixir entre Felipe e Adolfo (Entre Adolfo e Felipe), que se daquela valían, agora moito máis. E o concello ten o deber moral de tomar en serio esta afrenta a dous intelectuais, menospreciados por unha institución chamada a respectar a todos, e naturalmente aos “primus inter pares”.
Cáeme ben este Alcalde. Representa dignamente á cidade na que vivo. Creo que non caería no erro estrepitoso do seu antecesor, e mesmo que pode tentar dar solución necesaria e xusta a un problema que quizais non sexa dos máis urxentes e vitais para a marcha do concello, pero manca.
Felipe e Adolfo (Adolfo e Felipe) merecen un respecto e unha disculpa do seu concello. A súa bonhomía, saber e traballo, non merecen – ninguén merece – un trato así de despectivo por parte da institución que representa á cidade onde viven.