Tocar o dogma

Hai anos que circula nas tertulias a historia de relativo humor na que un terratenente andaluz vai recibindo noticias alarmantes dos braceiros en rebelión contra os latifundistas. Por nada se altera o rico propietario – queima da igrexa, toma do concello, expulsión do crego… – permanecendo impávido en tanto non lle “tocan o dogma”. Cando lle din que os campesiños ocuparon e están repartindo as terras, alporízase porque daquela si que se está tocando o que para el é intocable.

En Lugo tócase o dogma, e quen rompe as regras do xogo ten máis que dicir que o prexudicado. Os que somos público imos á festa porque, pague quen pague, acabamos pagando nós, e polo tanto ten que ser para todos. E que unha festa ou feira, que por principio é para todos, celebre un pregón privado (pregón e público semellan conceptos sinónimos) é un contrasentido.

Que se expulse dous membros dun concello democrático, sen que ao concello lle saia un sarabullo, os grupos se poñan serios e o alcalde faga valer a inviolabilidade dos membros da institución, paréceme patético.

Non sei se é tema policial, local ou nacional; quizais xudicial, e que a fiscalía puidese actuar de oficio; da asociación de empresarios, por ser unha feira, ou do gremio de hostalaría por se alguén se pasou con algunha sustancia. Pero o certo é que acaban de tocarnos o dogma. Ou somos unha democracia, e respectamos institucións e representantes, ou cada vez que votamos perdemos o tempo.

Tense dito que a democracia é o menos imperfecto dos sistemas de funcionamento dunha sociedade. A democracia ten os seus dogmas non escritos. E un ataque ao dogma non se borra porque o agresor berre máis alto.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com