O acto institucional de toma de posesión e presentación da nova subdelegada do Goberno na provincia de Lugo desenvolveuse na sede da Subdelegación. A el asistiron responsables institucionais e representantes de distintos estamentos civís, xudiciais e militares, das administracións públicas e dos Corpos e Forzas de Seguridade.
Entre as autoridades, participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e os subdelegados do Goberno na Coruña e en Ourense, Julio Abalde e Eladio Santos.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, trasladou hoxe a Olimpia López a misión de culminar os proxectos do Goberno de Pedro Sánchez en Lugo e sumar novos desafíos para consolidar unha provincia “próspera, xusta e solidaria”. Así se pronunciou no discurso de benvida á nova subdelegada do Goberno na provincia, no acto de toma de posesión e presentación que se celebrou esta tarde na sede da Subdelegación, en Lugo.
Pedro Blanco lembrou a Olimpia López que “desde hoxe, es o Goberno de España nesta provincia”, o que supón unha dobre responsabilidade. Por unha banda, apuntou o delegado, a de “escoitar e xestionar as demandas da cidadanía, empresas, administracións e institucións, para trasladalas ao Goberno e darlles cumprida resposta”. A esta, Pedro Blanco engadiu a “responsabilidade de comunicar as iniciativas deste Goberno para que o conxunto da provincia se poida beneficiar delas”, pois a cidadanía ten dereito a coñecer a acción do seu Goberno, que se reflicte “en forma da subida das pensións, de vivenda protexida, de axudas ao estudo, de novas autovías e liñas de ferrocarril, ou de novos dereitos sociais e avances en igualdade”, detallou.
Sobre a xestión pública, o delegado amosou o seu convencemento de que a Subdelegación reforzará, baixo a dirección de Olimpia López, a imaxe “aberta e accesible, próxima e resolutiva”, que se foi construíndo nestes últimos anos. Nesta liña, na aposta polo diálogo e a procura de consensos, pediu á subdelegada “manter as portas abertas aos 67 concellos desta provincia” e á súa cidadanía.
Pola súa parte, Olimpia López, desgranou na súa intervención algunhas das prioridades que se marca para o novo cargo, entre as que están “seguir mellorando a mobilidade e a conexión da nosa provincia co resto de Galicia e coa meseta e consolidar e ampliar os dereitos sociais que fixeron e fan do noso país un lugar máis xusto e solidario”. A estas engadiu o obxectivo de “apoiar aos concellos, para que o rural sinta a
proximidade e a presenza do seu Goberno”.