Este sábado cúmprense tres anos da inauguración das Caldas do Miño, unha infraestrutura impulsada por Lara Méndez e que, na actualidade, permanece pechada sen unha data próxima de reapertura confirmada. Neste contexto, desde o Grupo Popular formúlanse interrogantes sobre o futuro da instalación e a súa posible posta en funcionamento nos vindeiros meses.
O proxecto, apoiado polo goberno municipal contou cun investimento aproximado de 1,4 millóns de euros e foi presentado inicialmente como unha instalación aberta durante todo o ano. Porén, ao longo destes tres anos, o seu funcionamento caracterizouse por períodos de peche prolongados e reaperturas intermitentes.
Segundo as valoracións realizadas polo Grupo Popular, esta situación “evidenciaría deficiencias na planificación, no control e no mantemento da infraestrutura. Ademais, sinalan que, cando está operativa, a instalación supón un custo mensual superior aos 27.000 euros, sen que exista continuidade no servizo nin un modelo de xestión claramente definido”.
Desde esta formación política tamén se advirte da “ausencia dun calendario concreto e dun plan de futuro para as Caldas, vinculando esta situación con outras actuacións financiadas con fondos europeos que, segundo indican, presentan problemas de uso ou funcionamento”. Neste sentido, mencionan o caso do carril bici, cuxa ampliación está contemplada no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS), aprobado polo PSOE e o BNG.
Así mesmo, o Grupo Popular cuestiona o concepto inicial do proxecto, ao considerar que foi presentado como unha instalación de auga mineromedicinal, mentres que na práctica funciona con auga da traída, sinalando que non cumpre coa finalidade para a que foi creada.
En xaneiro, o Grupo Municipal Popular propuxo a reorientación deste tipo de proxectos, incluíndo as Caldas do Miño, mediante o estudo de alternativas compatibles coa normativa europea, co obxectivo de evitar que continúen sendo espazos infrautilizados e cun elevado custo para a cidadanía.
Finalmente, desde o PP reclámase “unha maior planificación, transparencia e responsabilidade na xestión dos fondos públicos, incidindo na necesidade de garantir o funcionamento efectivo das infraestruturas e o seu aproveitamento real pola poboación”.






