O accidente tivo lugar sobre as 21:00 horas, cando un particular chamaba ao 112 e informaba dun accidente grave na A-6, quilómetro 530, en Trasparga, no concello de Guitiriz, con varios coches implicados e posiblemente con persoas atrapadas no interior dos vehículos.
De inmediato, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vilalba, aos membros do GES Friol-Palas, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os axentes de Tráfico confirmaron que eran tres coches os implicados e que unha das persoas estaba atrapada nun dos turismos.
Así mesmo o indicaron os Bombeiros, que tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar á acompañante do condutor falecido, tras quedar atrapada no interior do vehículo.
Tras ser liberada, foi evacuada polo persoal sanitario. Igualmente, os sanitarios, atenderon no punto a outras dúas persoas, que resultaron feridas de carácter leve e que rexeitaron o traslado.
Desde o 112 Galicia tamén se informou ao servizo de mantemento da vía e ao persoal do Grupo de Intervención Psicóloxica en Catástrofes e Emerxencias, por se fose precisa a súa intervención.






