Todos as sondaxes da opinión pública demostran que a principal preocupación da cidadanía hoxe é o acceso á unha vivenda digna, de calidade e a prezo alcanzable polas rendas medias e modestas.
Os nosos pobos, vilas e cidades sofren unha tormenta perfecta: Hai pouco solo apto para construír; escasea a man de obra; medran os prezos dos materiais de construción; existe unha inseguridade xurídica nos propietarios, que provoca que non poñan as súas vivendas no mercado do alugueiro; e todo iso con máis burocracia e excesivos impostos.
O problema é claro: Temos máis demanda que oferta de vivenda, polo que a solución máis efectiva é a de incrementar a oferta de dispoñible no mercado. Hai administracións que están afrontando este reto e outras non.
Dende a Xunta de Galicia, conscientes desta problemática, están a traballar desde o primeiro día da Lexislatura cun claro obxectivo, planificado, orzamentado, consensuado co sector: 3.000 novas vivendas públicas xa están en marcha en Galicia, ás que se sumarán 1.000 máis no 2026. Cúmprese o reto marcado polo presidente Alfonso Rueda de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 fogares. Lugo é un bo exemplo deste esforzo.
Magoa que o Goberno Sánchez non demostre o mesmo grado de compromiso. A pesar de dispoñer dun ministerio específico para a vivenda, non se está a traducir en melloras para o acceso a un fogar para as familias galegas. De feito recoñece en resposta escrita que o Estado non entregou ningunha vivenda pública en Galicia ou na provincia de Lugo.
Os senadores do PP preguntamos ao Goberno que ten previsto facer coas vivendas da súa propiedade, tanto as vinculadas ás antigas estacións ferroviarias como as que son propiedade do banco malo, da SAREB. O Executivo de Sánchez recoñecía que tiña máis máis de 200 vivendas na provincia de Lugo que, adaptadas, poderían destinarse a venda ou alugueiro. Pero o goberno non quere facelo.
Hai dúas forma de gobernar. A da Xunta, que cumpre. E a do Goberno Sánchez, que incumpre todo o prometido. Nós seguiremos traballando para crear máis oportunidades para as familias galegas. Seguiremos traballando para promover reformas normativas eficaces contra os casos de okupación fronte aos que o Goberno Sánchez non actúa. Seguiremos esforzándonos por dar resposta ás demandas da cidadanía, en pobos, vilas e cidades. Todos merecen poder acceder a unha vivenda nas mellores condicións.
Jose Manuel Balseiro Orol, Senador do PP de Lugo



