Diante do Arde Lucus, a cidade ve medrar estruturas que cada ano cobran vida para albergar aos ardentes guerreiros que invadirán – do xeito pacífico que a festa pide – a cidade que se sabe romana e castrexa á vez. E do mesmo xeito que o Día das Letras témolo transformado en festivo de desfrute, sei de lucenses que eses dias ardentes abandonan Lugo buscando a tranquilidade que aquí se lles nega, por estimar que os festeiros impiden a normalidade da vida cotián.
Chegará o momento en que a festa sexa máis para o turismo que para os que habitamos a cidade, que non damos abasto a atender as convocatorias, e que nos mergullamos no ambiente deixándonos ir como parte dunha marea incontible.
E boto en falta, entre tanta festa, á parte da concentración ou redución de actividades, algo que deixe pouso cultural e formativo. Xa non digo algo semellante a aquel Certame Literario do Corpus Lucense, que a mediados do pasado século constituía importante festa xornalística e literaria, senón quizais como o Certame Urbis Lucus Augusti que a conselleira de Familia, Manuela López Besteiro impulsou en 2003, coa axuda da Deputación e a USC, no que participaron 144 universitarios que – con actividades dirixidas por especialistas na civilización romana, participaron en probas de coñecemento e inxenio conseguindo premios que levaron aos grupos gañadores a Roma e a Tarraco.
Chegounos pola tradición o de “Panem e circensis” como elementos cos que os césares tiñan contentos aos seus súbditos. Dous mil anos despois, ben parece chegado o momento en que aspiremos a algo máis.
Xulio Xiz