Nunha nota de prensa emitida hoxe, a Unión Comarcal de CCOO Lugo manifesta a “súa satisfacción pola sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 na que se estima por completo o recurso presentado por unha traballadora do Concello de Lugo, declarando nulas as resolucións municipais que impedían o seu acceso ás ofertas de emprego da Bolsa de Ordenanza”.
A resolución xudicial conclúe que “o Concello vulnerou a literalidade das bases reguladoras das bolsas ao considerar indebidamente que a demandante se atopaba en situación de ocupada polo feito de estar desempeñando un posto de mellora de emprego como auxiliar administrativo”. Segundo recolle a sentenza, esa interpretación municipal non está recollida nin permitida nas bases, e non cabe aplicar analoxías que prexudiquen aos aspirantes.
O xulgado establece que as bolsas de emprego de distintas categorías profesionais son independentes e que o Concello non pode trasladar situacións dunha bolsa a outra como se se tratase dunha lista única. Por iso, declara a nulidade das resolucións impugnadas, “por seren contrarias ao ordenamento xurídico”.
Como consecuencia da estimación do recurso, o Xulgado obriga ao Concello de Lugo a retrotraer o procedemento e a realizar de novo os chamamentos previstos. Asemade, impón ao Concello o pagamento das custas procesuais.
CCOO Lugo reclama transparencia e respecto polas normas.
A central sindical, valorou a sentenza como “un importante precedente que reforza a necesidade de que a Administración Local cumpra estritamente as bases dos procesos selectivos e evite decisións discrecionais que xeren desigualdades ou prexuízos ás persoas candidatas”.
O sindicato lembra que seguirá velando pola defensa dos dereitos do persoal, e esixe ao Concello que execute a sentenza sen demoras e garanta a máxima transparencia nos chamamentos de todas as bolsas municipais.




