500 nenos homenaxearán a Cristina Seijo na Copa Deputación de Baloncesto

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Vicepresidente do Club Durán Maquinaria Ensino, Enrique Alonso, e o irmán da homenaxeada, Alberto Seijo Cabana, presentaron hoxe a Copa Deputación de Baloncesto Memorial Cristina Seijo, que terá lugar o vindeiro domingo 27 de maio no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo e no pavillón anexo.

O Goberno da Deputación é o principal promotor deste evento deportivo, totalmente gratuíto para os participantes e organizado polo Ensino, que reunirá a preto de 500 nenas e nenos, de entre 6 e 14 anos, de toda a provincia. Deste xeito, o Executivo fai unha achega de 14.000 euros, coa que fomentar o baloncesto base lucense e promover hábitos de vida saudables, da man dun dos clubs femininos de referencia na cidade de Lugo como é o Club Baloncesto Ensino.

Campos Conde subliñou que “promovemos unha nova edición da Copa Deputación dentro da nosa aposta polo fomento do deporte base, o baloncesto feminino e a igualdade de xénero, así como a educación en valores, a través dunha xornada de convivencia entre rapazas e rapaces chegados de toda a provincia. Así, o domingo Lugo respirará baloncesto coa Copa, que reunirá a equipos das categorías baby, infantil, alevín e benxamín”.

Campos Conde engadiu que “é unha edición especial, pois quixemos dedicala á memoria de Cristina Seijo, expresidenta e adestradora do Cidade de Lugo, que tristemente nos deixou este ano despois dunha longa enfermidade. Cristina foi unha referente na provincia no deporte da canastra e sempre lle estaremos agradecidos polo seu inmenso labor e a súa dedicación absoluta”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com