A Deputación promove o patrimonio natural e histórico con 5 roteiros

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, presentou hoxe un ciclo de cinco roteiros que o Goberno da Deputación organiza en colaboración co diario dixital Historia de Galicia, para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e histórico da provincia de Lugo. No acto tamén participaron Xurxo Salgado, Coordinador do portal web Historia de Galicia e do proxecto Rutas de Historia, e Manuel Miranda, Presidente de Mariña Patrimonio.

O Executivo Provincial achega 4.500 euros para poñer en marcha esta iniciativa, que pretende achegar á cidadanía o patrimonio oculto que atesoura a provincia de Lugo, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía do rural lugués. Esta colaboración permitirá desenvolver cinco rutas de sendeirismo durante os meses de setembro e outubro, que transcorreran polos concellos de Xove, Sober, Becerreá, Monforte, A Pobra do Brollón, e A Fonsagrada.

Fernández Queipo subliñou que “a través deste ciclo de roteiros pretendemos achegar a todos os lucenses a riqueza paisaxística e patrimonial coa que contamos na provincia, incidindo na importancia de conservar o medio ambiente. Así, a costa da Mariña, a Serra dos Ancares, o Canón do Sil, o Val de Lemos, e A Fonsagrada son algúns dos lugares onde terán lugar estas andainas, que abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea”.

A organización do roteiro pacta con restaurantes locais un menú para os participantes que así o desexen, ademais de facilitar aloxamentos nas vilas e concellos onde teñen lugar os roteiros. En 2017, máis de 150 persoas obtaron polos menús pactados con restaurantes locais e case un cento de persoas pernoitou en hoteis ou casas rurais dos concellos onde comezaron os roteiros.

Pola súa parte, Xurxo Salgado subliñou que “nesta segunda edición, Rutas de Historia quere volver repetir esta exitosa experiencia. Este ano, o proxecto quere centrarse nas riquezas patrimoniais de Lugo, e, por iso, artellou cinco roteiros históricos específicos en distintos puntos desta provincia. Tal e como aconteceu o pasado ano, neste proxecto colaboran diversas entidades e asociacións locais, o que incrementa a súa visibilidade”.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co patrocinio da Deputación e Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento ou o Colectivo Capitán Gosende.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo