ACE-EU ve “inaceptable” o gasto municipal nunha Xura de Bandeira civil impulsada polo PP

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida cualifica de “inaceptable” que o Concello de Lugo invista cartos públicos na celebración do acto de Xura de Bandeira Civil impulsada polo PP que terá lugar o vindeiro 26 de maio na Praza Maior de Lugo, que suporá un custe para as arcas municipais tanto polo traballo de protocolo e seguridade como pola organización do evento e o posterior refrixerio ofrecido pola alcaldesa aos asistentes. ACEEU preguntará en Comisión o custe total que suporá para o Concello de Lugo a celebración deste acto.

“Consideramos inaceptable que o Concello de Lugo financie cos cartos de todos un evento de corte militar, que non ten nada que ver coas competencias municipais, e que é a todas luces discriminatorio e racista e cunhas normas protocolarias claramente machistas”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACEEU. “Medidas como este acto sen ningún sentido dentro da política local ou a acelerada posta en marcha da Ordenanza Mordaza evidencian que a alcaldesa está disposta a que a ultradereita lle marque o paso por puro electoralismo”.

Este grupo municipal tamén critica o feito de que por motivo da celebración da Xura de Bandeira Civil na Praza Maior de Lugo o goberno local decidiu adiar para o 2 de xuño o tradicional día de Música na Rúa previsto para o 26 de maio dentro da programación do Festival de Música Cidade de Lugo, con concertos a cargo do alumnado do conservatorio, da Banda Filarmónica infantil e da Escola de Música, co consenguinte trastorno para as familias.  

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com