O BOP publica hoxe a aprobación inicial da Ordenanza municipal reguladora do uso dos hortos urbanos

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este xoves a aprobación inicial da Ordenanza municipal reguladora do uso dos hortos urbanos. Esta ordenanza contempla tanto o regulamento como as condicións que rexerán na utilización destes hortos, dende non empregar ningún produto químico de síntese ata non utilizar materias que non sexan respectuosos co entorno.

Entre os requisitos de adxudicación, as persoas interesadas deben estar empadroadas no municipio, ser maiores de idade, non posuír outras parcelas agrícolas ou ser dono doutros terreos de natureza rústica no Concello de Lugo, entre outros. Poderase permitir o acceso e uso dos hortos urbanos a outras persoas a través da sinatura de convenios específicos de colaboración con entidades de carácter social ou educacional sen ánimo de lucro.

A ordenanza establece que as persoas concesionarias dos hortos destinarán os terreos ao cultivo e plantación de especies vexetais e terán prohibido dedicar o seu cultivo para fins comerciais, así como instalar barbacoas, queimar restos de cultivo, ou ceder o uso a terceiras persoas. O incumprimento dalgunha destas condicións provocará multas de entre 60 a 30.000 euros, ou incluso a revogación da autorización de uso.  

O Concello traballa actualmente na creación destes hortos urbanos no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns. Son uns hortos con función de autoconsumo, para contribuír a favorecer os hábitos saudables, centrados na produción ecolóxica, e, que se situarán na ladeira entre a Ronda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, a carón do barrio de Xuíz.

A actuación engloba a 3.000 m2, dos que se empregarían para cultivo 1.085 m2, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros e material. Estará formado por 33 hortos, con pantallas vexetais para separalos e diferencialos dos viais. Ademais, terá fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público. Dito sistema de hortos urbanos suporá unha inversión de 60.000 euros.

O Concello tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo