Cs sigue crecendo en Lugo cun novo grupo local en Sarria

Cidadáns avanza na súa implantación na provincia de Lugo coa constitución dun novo grupo local en Sarria que será “o primeiro de moitos”, segundo avanzou esta mañá en rolda de prensa a portavoz autonómica de Cidadáns Olga Louzao, que asegurou que “moitos concellos están orfos neste momento dunha alternativa diferente como é a que representa Cidadáns e que supón aire fresco no panorama político español, autonómico e local”. “Cidadáns  está disposto a aproveitar o potencial que existe na sociedade”, dixo a portavoz do grupo en Galicia, que animou a todos aqueles que simpaticen coas ideas de renovación que representa Cidadáns a “dar o paso e sumarse ao proxecto”.

O novo grupo local de Sarria, que estará encabezado por Luis Álvarez Rey como coordinador, será presentado nun acto público que terá lugar este xoves ás 20 horas no hotel Alfonso IX da localidade. O novo coordinador de Cs en Sarria indicou que deu o paso de sumarse a Cidadáns “para tratar de resolver os problemas dos veciños e veciñas de Sarria ante o desgoberno actual e a falta de alternativa da oposición” e porque “Ciudadanos é un proxecto novo que crea ilusión na xente”.

Anunciou, asemade, que o novo grupo local de Cs en Sarria será “unha combinación de veteranía e sabia nova” e terá no carácter dialogante a súa principal forma de funcionamento. “É moi importante que a xente se implique e participe porque en Cidadáns a xente vai ser escoitada e tida en conta”, dixo, e asegurou que “os tempos que se nos veñen enriba son tempos de consenso e de sentarse a dialogar porque as maiorías absolutas acabáronse para moito tempo”.

Entre os problemas sen resolver de Sarria, Luis Álvarez Rey citou a finalización da Ponte Ribela, que definiu como “a ponte da discordia”, que é “un conflicto que ten ao pobo dividido” e no que “nin os que gobernan nin os da oposición dialogan para resolvelo e para amañar unha infraestrutura que leva case catro anos pechada”. Tamén se referiu ao “necesario desdobramento da vía rápida que une Sarria con Lugo e Monforte” e que considerou “prioritario”, ao “Camiño de Santiago descoidado ás portas do vindeiro Xacobeo”, ao feito de que Sarria “non conte nin con un só metro cadrado de chan industrial” ou ao “abandono do medio rural”, igual que ao “mal estado das rúas da zona urbana pola falla de xestión do actual Goberno”, unha “parálise”, dixo, “que afecta á economía e á vida da xente”.

Na rolda de prensa desta mañá en Sarria estivo tamén presente o secretario de Organización da agrupación en Galicia, Laureano Bermejo, que destacou que a creación do novo grupo local de Sarria “segue as pautas actuais de crecemento e implantación forte de Cidadáns en Galicia”, valorando o feito de que “nun prazo moi curto de tempo estamos logrando medrar a pasos acelerados creando novas agrupacións locais na comunidade”. En relación á provincia de Lugo, xa avanzou que está en marcha a creación de novos grupos locais en distintas localidades. “Esta semana será Sarria, pero na cabeza temos xa Monforte, Outeiro de Rei, Guitiriz ou o Corgo“, avanzou.

O responsable de Organización a nivel autonómico explicou que Cidadáns conta xa na comarca de Sarria cun grupo de 40 persoas entre afiliados e simpatizantes e afirmou que “hai unha opinión xeralizada na poboación de que facía falla un partido coma Cidadáns “. Por iso quixo agradecer a disposición das persoas que forman parte do grupo local e dixo que “en Cidadáns buscamos buscamos un perfil de xente coma o que representa Luis e o resto de membros da xunta directiva, persoas que buscan unicamente resolver os problemas da xente e que dan o paso e se implican porque ven que as cousas non funcionan”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo