Deputación e Concello de Viveiro prestan atención profesional aos maiores con Alzheimer

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, mantiveron un encontro con usuarios de AFA Viveiro (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias), xunto ao Presidente deste colectivo, José Amador Fernández Pérez, e varios membros da xunta directiva. Fixérono para coñecer in situ os resultados das varias colaboracións que Deputación e Concello manteñen con AFA Viveiro e que permiten ofrecer atención profesional diaria a unha ducia de viveirenses que sofren esta enfermidade.

As axudas dos Gobernos de Deputación e Concello a AFA Viveiro fan posible que este colectivo conte, ademais do psicólogo propio xa da súa plantilla de traballadores, con outros 3 profesionais que coidan diariamente a 13 persoas que presentan perda de memoria asociada á idade ou un deterioro cognitivo leve. Todos os usuarios son na súa maioría de Viveiro e algúns do Vicedo e Ourol, municipios limítrofes. Fano nun local municipal, que lles presta de xeito gratuíto o Executivo local. Nestas instalacións, desenvólvense 3 veces á semana talleres especializados e actividades de estimulación cognitiva (son 90 minutos por sesión) grazas á colaboración do Executivo Provincial.

Son 6.000 euros os que decidiu achegar o Goberno da Deputación a AFA Viveiro para poder levar a cabo dita programación. Estes fondos permiten contar con persoal e medios especializados cos que desenvolver exercicios de memoria, como a aprendizaxe de regras mnemotécnicas; exercicios de atención visuais e auditivos, como sudokus ou labirintos; actividades de cálculo mental; orientación espacial e temporal; e de linguaxe, con xogos de palabras e exercicios de narración.

Loureiro García destacou que “o Concello de Viveiro sempre estará ao carón desta asociación polo seu importante labor, por iso decidimos ceder un espazo municipal para que poidan realizar as súas actividades durante todo o ano, ademais de financiar os custos laborais de 3 coidadoras que atenden aos doentes de AFA Viveiro”. López Izquierdo explicou que “reforzamos o importante labor do Concello na atención dos maiores con Alzheimer, traendo a Viveiro unha programación de actividades especializada na atención de persoas que sofren esta enfermidade. Representamos a dúas institucións sumamente sociais e coas persoas onde a nosa prioridade é mellorar e dignificar a calidade de vida dos nosos veciños, sumando esforzos para atender aos lucenses que máis o necesitan, como os usuarios de AFA Viveiro”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo