A Deputación mellora en Cervantes con case 100.000 euros a ponte Casas do Río

O Vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, supervisaron hoxe o remate das obras da Ponte Casas do Río, no que o executivo provincial realizou un investimento de preto de 100.000 euros. Martínez avanzou que os traballos que executou o Goberno da Deputación consistiron no arranxo da ponte que serve de nexo de unión da localidade de Cervantes con 8 núcleos rurais, nos que viven máis de 130 veciños; así como a unha explotación gandeira.

Os núcleos que se benefician deste nova dotación son os Bazal, Vilaspasante, Vilapun, Viladeite, Vilarguite, Teixeira, Pintinidoira e As Covas. O Vicepresidente explicou que “os traballos consistiron na demolición dun dos pasos, na colocación de novos estribos, na instalación dun novo taboleiro e na mellora da capacidade hidráulica”. Sinalou que “co remate desta infraestrutura damos resposta a unha demanda dos veciños da zona que a empregaban a cotío, e ao mesmo tempo respondemos ás necesidades mais básicas de Cervantes, como a mellora das infraestruturas viarias deste Concello de Alta Montaña Lucense”.

Concurso de Fotografía

Noutro eido, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, informou esta mañá da posta en marcha da cuarta edición do certame fotográfico das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. O Goberno da Deputación promove este concurso de fotografía, dotado de 1.600 euros, para dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística e ambiental, así como os recursos naturais dos que dispón a provincia de Lugo.

López Izquierdo subliñou que “nesta ocasión, o concurso ten como tema central a harmonía entre persoas e natureza, nestes espazos naturais que contan co distintivo da UNESCO. Preténdese, polo tanto, que nas instantáneas se amosen oficios tradicionais que se atopan integrados na natureza, infraestruturas ou patrimonio material, inmaterial e etnográfico que están en harmonía coa natureza”.

Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. Os criterios a valorar serán a composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe. O xurado fará público o resultado no mes de decembro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo