Foz acolle a quinta edición do festival de música galega ‘Coa Nosa Fala’

A quinta edición do festival de música galega Coa Nosa Fala, chega ao Campo da Cabana do Concello de Foz o vindeiro mércores, día 12 de xullo. Así o presentou esta mañá o alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira, no Pazo de San Marcos, onde estivo acompañado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde

O rexedor explicou que este festival “naceu para contribuír a promocionar a musica feita en Galicia por músicos galegos” e asegurou que esta edición se fai en homenaxe do director da banda municipal, recentemente falecido, Arcadio Mon quen foi tamén fundador deste evento, no que participarán os catro grupos musicais que actuaron na 1º Edición deste Festival. “Este ano quixemos recoñecer o traballo de Arcadio porque el foi o verdadeiro impulsor deste proxecto, co que quixo reivindicar un espazo para a música galega e os artistas galegos. Por iso decidimos convocar a estes grupos aos que el estaba tan vencellado”, asegurou Castiñeira.

Javier Jorge Castiñeira agradeceu o traballo de todas as asociacións e institucións que apoian esta iniciativa, e remarcou “que esta nova edición será un verdadeiro homenaxe á musica galega e aos autores locais, e ao mesmo tempo contribuirá a a promover a nosa lingua e a nosa cultura”.

Pola súa banda, Vidal Baamonde explicou que “a Deputación apoia todas as iniciativas que contribúan a poñer en valor a nosa cultura, a música e as tradicións de Galicia, e ao mesmo tempo reivindicar o legado dun artista que merece o recoñecemento de todos os seus veciños”.

Esta nova edición de Coa nosa fala, na que a Deputación inviste 3.000 euros, comezará ás 22:00 horas, e será presentada polo actor e presentador Paco Lodeiro, que tamén quixo sumarse a esta homenaxe. Ao longo da velada actuarán todos os grupos que participaron na I edición deste festival, son concretamente, Escola de Meus, Chingla, Sito Sedes e Tito Calviño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com